O 2017 foi o ano da seca

A mostra poderá visitarse ata o 29 de novembro, de luns a venres, de 10 a 14,30 horas.
29 de Outubro, 2019 - 10:26 h. | Publicada por Radio Fene

Ultima oportunidade para visitar a mostra Galicia en Foco da 27 edición do certame. A mostra itinerante remata a súa andaina en Fene. En decembro coñecerase a foto gañadora do certame número 28, correspondente ao ano 2018.

ESCOITA O PODCAST:

Qué pasou en Galicia no ano 2017?

A iso resposta a exposición Galicia en foco que onte á tarde se inaugurou no salón de plenos do concello de Fene. A foto gañadora foi ese ano a dunha anciá cunha mascarilla na boca tras un incendio devastador que se produciu en Galicia ese verán do 17, o ano da seca onde os embalses deixaron ver os pobos asolagados.

Imaxes costumistas, como o Antroido, a matanza do porco, ou máis modernas, como o Resurrection Fest de Viveiro conviven nesta mostra que ven ser, como afirmaba no acto a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz, a testemuña dun país e o recoñecemento ao traballo diario que fan os fotoxornalistas galegos.

O alcalde, Gumersindo Galego, interviu tamén na inauguración para sinalar que se trata da historia dun ano en Galicia, resumida e plasmada en imaxes que constituirán un arquivo moi importante para o noso país. Convidou aos veciños-as a visitala polas mañáns de 10 a 14,30 horas. Tamén sinalou que se convidará aos centros escolares a visitar a mostra. Un catálogo recolle as fotos seleccionadas para a exposición e outras moitas presentadas ao certame.

O Club de prensa de Ferrol está a piques de fallar o premio do Galicia en Foco do 2018, a que será a 28 edición do certame fotoxornalístico. A nova mostra percorrerá os concellos galegos como fixo a que agora remata o ano en Fene. A mostra poderá visitarse ata o 29 de novembro, de luns a venres, de 10 a 14,30 horas.

Cultura

Publica o teu comentario agora