O Adriano inmortalizado

A película Arima rodouse en parte no cine de Barallobre
18 de Novembro, 2019 - 09:14 h. | Publicada por Radio Fene

A película "Arima" de Jaione Camborda, premiada no Festival de Cine Europeo de Sevilla. A directora vasca, afincada en Galicia, rodou no cine Adriano de Barallobre- Fene- algunhas esceas do filme.

ESCOITA O PODCAST:

A película “Arima” de Jaione Camborda ven de ser premiada no Festival de Cine Europeo de Sevilla. Recibiu o premio ao recoñecemento á dirección cinematográfica. O xurado distinguiu o traballo da cineasta vasca, afincada en Galicia, pola súa “capacidade para transportarnos a lugares nos que o misticismo dalle a man aos máis básicos instintos humanos”. Así reza na prensa a nova sobre a película na que o abandonado cine Adriano serviu de escenario para rodar algunhas das escenas do filme.

Camborda formouse nas escolas de cinema de Praga e Múnic, a súa traxectoria estivo ligada ao Novo Cinema Galego, colaborando como directora de arte ou produtora. Ë a directora da curtametraxe Rapa das bestas (2017) Agora debuta coa longametraxe de ficción, 'Arima', un thriller fantasmal protagonizada por catro mulleres, unha nena e dous forasteiros, onde custa distinguir o real do imaxinado, o temido e o desexado, segundo declarou a Radio Fene a directora cando rodaba en abril de 2018, no cine Adriano. Do cine de Barallobre dixo que pouco atrezzo houbo que facer porque o encanto do lugar xa tiña peso suficiente. Parabéns á directora galega e á sala fenesa porque tamén merece o premio.

"Arima" describe a vida de seis mulleres que se ve alterada coa chegada de dúas figuras masculinas antagónicas. Xurdiu como proxecto de fin de carreira de Jaione Camborda en Berlin. Á cineasta non lle convenceron ningún dos guións dos que dispuña, así que decidiu crear o seu propio que, tempo despois, retomaría en Galicia para terminalo. A película é unha produción de Esnatu Zinema e conta cun equipo técnico completamente galego e coas actuacións de Nerea Barros, Melania Cruz, Marta Larralde, María Bouzas e María Vázquez.

(Na imaxe, Jaione Camborda rodando no cine Adriano. Abril de 2018)

Cultura

Publica o teu comentario agora