O aeroporto de Santiago rexistra a súa mellor marca

O aeroporto de Santiago rexistra a súa mellor marca

12 de Xaneiro, 2018 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O Aeroporto de Santiago rexistra a súa marca histórica en tráfico de pasaxeiros. Máis de 2.644.000 de persoas usaron as súas instalacións, operaron 21.520 aeronaves e movéronse máis de 2.693 toneladas de mercadorías. Iso supón, segundo os datos oficiais de Aena, un  5,3% máis que en 2016, o que o converte nun ano marca na historia do aeroporto. Do total de pasaxeiros comerciais (2.639.920), 2.012.440 realizaron voos nacionais

En canto ás operacións, en Lavacolla rexistráronse 21.520 voos en 2017, un 1,1% máis que no ano anterior. Destes, 19.779 foron voos comerciais (un 1,6% máis), correspondendo 14.991 a voos nacionais e 4.788 a internacionais. Ademais, a terminal de carga manexou durante o pasado ano máis de 2.693 toneladas de mercadoría, o que supón un aumento do 17,3% neste tipo de tráfico.

Con 4.851.762 de pasaxeiros, o tráfico dos tres aeroportos galegos en 2017 bate a marca histórica rexistrada en 2007. Durante o último mes do ano 2017, 200.982 persoas elixiron o aeroporto de Santiago para realizar as súas viaxes en avión, un 15,2% máis que en decembro de 2016. En total, rexistráronse 1.596 voos e movéronse 235 toneladas de mercadorías pola terminal de carga, no último mes do ano.

Sociedade