O Apalpador e a Banda da loba

Fene propón un Nadal con concertos, exposicións, maxia, teatro ou contacontos
11 de Decembro, 2018 - 02:25 h. | Publicada por Radio Fene

A edil de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou hoxe o programa de actividades deseñado polo Concello, pensado especialmente para os nenoa e nenas.

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá a programación de actividades que o Concello organizará durante este mes de cara ás festas de Nadal. Unha programación completa e variada, con especial atención nos nenos e nenas, que inclúe dende recitais ata funcións teatrais, contacontos, maxia ou exposicións e festas. Deste xeito, o programa arrancará o luns 17 coa ronda de visitas do Apalpador ós centros de ensino do municipio. Acudirá nesa xornada ó CPI A Xunqueira (10 h), CEIP Centieiras (12 h) e CPR Jorge Juan (13,15 h) e, o martes, fará o propio no CEI de Sillobre (10 h), CEIP Os Casais (12 h) e CEIP Plurilingüe O Ramo (13,15 h). Así mesmo, esa visita irá acompañada da función “O Apalpador” a cargo do grupo de teatro Os Furabolos. A obra, asinada por Carlos Labraña, narra a historia deste singular personaxe e da súa axudante Trasniña. Así mesmo, nenos e nenas cantarán as cancións tradicionais sobre a súa figura.

O mesmo martes, 18 de decembro, inaugurarase tamén a programación de concertos. Será na Casa da Cultura co recital de Nadal do alumnado das Escolas Municipais de Piano e Guitarra, a partir das cinco da tarde e con entrada de balde. O venres 21 de decembro, a igrexa parroquial de Barallobre albergará o Concerto de Nadal Voices-“Voces en Feminino”. Será a partir das 20 horas, tamén con entrada libre, e a colaboración do CPS Liga de Amigos de Barallobre. Voices é unha agrupación de voces femininas que conta cun amplo repertorio de versións de distintos estilos (pop, baladas, gospel, etc.).

Ó día seguinte, sábado 22, terá lugar o XVIII Festival de Panxoliñas-Concello de Fene, ás 20 horas no CPS Liga de Amigos de Barallobre e coa actuación de todas as corais e rondallas do municipio Coral Polifónica Agarimo de Sillobre, Rondalla Perla del Río, Coral Eterna Xuventude, Rondalla Estrelecer, Coral Polifónica de San Valentín, Coral Polifónica de O Pote e Tradicoro). A organización corre por conta do Tradicoro e, novamente, conta coa colaboración do CPS Liga de Amigos de Barallobre. Pechando o capítulo de concertos, o venres 28 de decembro, A Banda da Loba chega a Fene co seu espectáculo “Bailando nas rúas”. Neste caso, a partir das 20,30 horas no local da SCRD O Pote. A Banda da Loba é unha formación integrada por cinco mulleres - Andrea Porto, Inés Mirás, Marcela Porto, Estela Rodríguez e Xiana Lastra- que decidiron unir as súas voces nun proxecto común. Este grupo salienta pola creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como na musicalización de poemas célebres e outros textos de autoras contemporánea, como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra. Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk... e fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical. Unha actividade incluída na Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Maxia, teatro e contacontos

Rocío Bértoa tamén avanzou a celebración dunha morea de espectáculos de maxia, teatro e contacontos pensados especialmente para os máis pequenos da casa. Inaugurará o cartel a compañía Babaluva coa súa obra “A alfombra máxia”, o xoves 20 de decembro ás 18 h na Biblioteca Municipal “Xosemaría Pérez Parallé”. As prazas son limitadas a 20 bebés –de cero a tres anos- e os seus acompañantes, polo que se abrirá un prazo de inscrición no centro de lectura do 17 ó 19 deste mes. Para un público familiar está programada a obra “Un bico para Alí” da compañía Fabaloba. Este espectáculo contado, cantado e pintado terá lugar o mércores 26 de decembro, ás 12 horas, na Casa da Cultura. Ó día seguinte, xoves 27, e no mesmo espazo, o ilusionista Martín Camiña ofrecerá o seu espectáculo “Lingua do país”. Un show de maxia recomendado para todos os públicos que comezará ás 12 horas con entrada de balde. E, pechando a semana, o venres 28, sesión de contacontos con Celtia Figueiras Rama e o seu espectáculo “As estacións en contos”. Na Casa da Cultura, a partir das 12 horas, entrada de balde e dirixida a público familiar.

 

Cabalgata e festa infantil

Por último, o Concello organizará a tradicional Cabalgata de Reis o sábado 5 de xaneiro. Partirá ás 18 horas de Perlío (fronte Aguilar) para percorrer a Avenida Marqués de Figueroa, Cruce de Fene e Avenida de Naturais rematando na Praza do Concello onde o alcalde dará a benvida ás Súas Maxestades de Oriente. Exposicións Dende o Concello lémbrase que durante estas vacacións de Nadal continúa aberta no Museo do Humor a exposición de humor gráfico sobre a obra de Pinto&Chinto- David Pintor e Carlos López-, dous dos maiores referentes do humor gráfico galego. Iso si, o horario de visitas os días 26, 27 e 28 de decembro será de 10 a 14,15 h.

Así mesmo, a partir do 4 de xaneiro e ata o día 30 do mesmo mes, o público poderá achegarse á obra de Laura Bouza. Inaugurará unha exposición de pintura e debuxo baixo o título “Des amparo”.

Por último, a concelleira quixo agradecer en nome do Concello a colaboración brindada polas asociacións e entidades: SCRD Agarimo de Sillobre; CMI Unidade de Fene, CPS de San Valentín, CCRD de Perlío, Coral Eterna Xuventude, ACRD O Pote de Maniños, Tradicoro, CPI A Xunqueira, CEIP Plurilingüe de Centieiras, CPR Jorge Juan, CEI de Sillobre, CEIP Plurilingüe O Ramo e CEIP Plurilingüe Os Casais.

Cultura

Publica o teu comentario agora