O AVE chegará a Ourense a finais de ano, segundo o ministro de Fomento

O AVE chegará a Ourense a finais de ano, segundo o ministro de Fomento

12 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Galicia vivirá un momento "histórico" antes de que remate 2011. Prometeuno o ministro de Fomento, José Blanco, que asinou nesta xornada o protocolo para integración do AVE na cidade de Ourense. O fito, segundo explicou, producirase cando da cidade das Burgas "saia o primeiro Tren de Alta Velocidade, que pasará por Santiago e chegará ata A Coruña".

O Goberno sitúa esa viaxe inaugural "a finais deste ano", e concédelle unha relevancia semellante á que terá a concreción, antes de que remate 2015, da "conexión coa Meseta". José Blanco salientou en Ourense que ademais, coa posta en marcha da liña interior, os galegos que viaxen a Madrid comezarán xa a experimentar unha "redución dos tempos" do traxecto, xa que a culminación do tramo Ourense-Santiago-A Coruña, permitirá falar de tempos do tren "competitivos" xa cos que leva o desprazamento en coche entre a capital do Estado e a cidade herculina.

O protocolo rubricado nesta xornada contempla a entrada do AVE na capital das Burgas dende o Leste, mediante un túnel en Montealegre e unha ponte sobre o Miño. O tren fará parada nunha estación central construída en superficie que integrará tanto a liña de alta velocidade que viaxa cara o Norte de Galicia como as liñas convencionais con Monforte, Santiago e Vigo. A Xunta de Galicia oponse a ese deseño, porque prefire o soterramento da terminal, e por iso non foi convidada á sinatura do acordo. Non obstante, o ministro Blanco, que atribúe esa postura á comenencia electoral do PP, confía en que o Goberno galego dará o seu brazo a torcer.
 

O conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, manifestaba este mediodía dende Madrid que Fomento atopará a "colaboración leal" da Xunta para que o AVE teña a mellor integración posible en Ourense e garantiu o apoio para a construción da estación de autobuses que permita o servizo intermodal das comunicación. Hernández demostrou bo talante porque saíu "satisfeito" da xuntanza mantida co secretario de Estado de Infraestruturas, Víctor Morlán, para coñecer máis polo miúdo o acordo da macrolicitación da conexión do AVE entre a Meseta e Galicia aprobado polo Consello de Ministros. O representante da Xunta manifestou "agradecemento" polo compromiso, pero pediu "prudencia". Hernández lembra que, respecto ao proxecto orixinal de facer unha única licitación integrada, finalmente as obras dividíronse nunha decena de contratos que se cargarán aos orzamentos da ADIF en varias anualidades. Tampouco desbota que sexa preciso convocar unha nova reunión da comisión de seguimento do Pacto do Obradoiro.

Institucional