O azar coloca ao popular Juan Manuel Andrade como alcalde de Os Blancos

O azar coloca ao popular Juan Manuel Andrade como alcalde de Os Blancos

06 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

O Partido Popular gaña unha nova alcaldía en Galicia. Trátase da do concello ourensán de Os Blancos. Dúas papeletas metidas nunha saca decidiron ao chou o futuro alcalde, que será o popular Juan Manuel Andrade. Tanto a súa candidatura, como a de Alternativa Popular Galega, unha escisión dos conservadores liderada por José Manuel Castro, obtiveran 393 votos nos comicios do 22 de maio.

Finalmente, foi preciso desfacer o empate recorrendo ao azar, tal e como ordenou a Xunta Electoral Central. Entre os varios métodos barallados, entre eles o sorteo mediante lanzamento de moeda ao aire, optouse por remexer unha papeleta de cada formación nunha saca, declarando perdedora á primeira en extraerse. A fortuna sorriu ao PP.

Cómpre lembrar que todo isto non tería sido preciso se se chegase a atopar un voto extraviado nunha das tres mesas electorais de Os Blancos, onde, tras certificarse a participación de 422 votantes, tan só apareceron 421 sufraxios. Os populares sempre defenderan que o voto perdido pertencíalles, mentres que os independentes demandaban a repetición dos comicios. Agora a sorte decidiu que sexa o PP quen teña catro edís na localidade, fronte a tres da Alternativa Popular. Con todo, esta formación xa avanzou que presentará un recurso contra o resultado.

Institucional