O ballet clásico e a tradición popular galega inspiran “Giseliña”, a última peza do CCG

O ballet clásico e a tradición popular galega inspiran “Giseliña”, a última peza do CCG

05 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O Centro Coreográfico Galego (CCG) estrea Giseliña este sábado 7 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A nova produción propia da entidade está dirixida polo coreógrafo catalán asentado en Suíza Cisco Aznar e coproducida xunto ao teatro La Laboral de Gijón e o Centro Párraga de Murcia. Despois das funcións na

Giseliña constitúe a terceira produción da historia do CCG. Despois de Vacuo de Maruxa Salas e Kiosco das almas perdidas de Roberto Oliván, a proposta que protagoniza a temporada 2009 chega da man do creador catalán asentado en Suíza Cisco Aznar, quen asina unha adaptación moi libre e poética do ballet clásico Giselle que ao tempo se inspira en figuras da tradición popular galega relacionada coa morte e o sobrenatural, como son as meigas ou a Santa Compaña. Así, as willis, noivas que morreron virxes e de noite abandonaban a morte para facer bailar os homes ata que estes finaban, substitúense aquí por bruxas, do mesmo xeito que o bosque muda en mar e na súa influencia no carácter galego.

Cisco Aznar constrúe nesta peza un mundo polo que deambulan as pantasmas do pasado, un mundo cunha estética moi persoal que se apoia nuns movementos cargados de expresividade. Os bailaríns interpretan seres que se moven arredor das grandes paixóns, como son o amor ou a morte. A plasticidade das máscaras a escenografía e o vestiario ideados por Luís Lara, o espazo sonoro -que inclúe as voces de Alicia Alonso e María Callas- ou os vídeos que se integran na montaxe crean unha atmosfera cargada de fantasía, que achega ao espectador ao ámbito do sobrenatural.

Para a súa execución, Giseliña conta con un corpo de baile de 12 bailaríns e bailarinas de distintas procedencias, escollido a través de varias audicións públicas, e que compoñen Noemi Alberganti, Jorge Brea, Katja J. Geiger, Álvaro Esteban, Alba Fernández, Carmela García, Satoko Kojima, Amparo Novás, Ana Beatriz Pérez, Miguel Ángel Ponte, Julio César Quintanilla, Hannah Shakti e Jordi Vilaseca.

Trala estrea na Coruña, Giseliña representarase durante os meses de marzo, abril e maio nos escenarios de Santiago de Compostela, Narón, Vigo, Cangas, Rabat, Tetuán, Puertollano, Gijón, Murcia, Pontevedra, Ourense, Ferrol, Badalona e Tui.

 

Sociedade