O balneario de Laias presenta os mananciais do século XVIII

O balneario de Laias presenta os mananciais do século XVIII

11 de Xullo, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

O balneario de Laias acolle mañá venres a presentación dun facsímile do século XVIII no que se destacan as propiedades salutíferas das augas minerais da comunidade. É unha obra do doutor Gómez de Bedoya, un dos primeiros estudosos da hidroloxía médica. Trátase do I Tomo do libro "Historia universal das fontes minerais de España"

O balneario ourensán de Laias acolle mañá venres, ás 13:00 horas, a presentación do libro “Historia universal das fontes minerais de España. Tomo I”. Trátase dun facsímile da obra do médico Pedro Gómez de Bedoya y Paredes, un dos pioneiros e máis recoñecidos estudosos das augas mineiromedicinais no século XVIII. Recolle os mananciais máis relevantes da época, incluídos os galegos, e as funcións terapéuticas das súas augas.

Esta publicación reedítase debido á súa transcendental aportación aos avances da hidroloxía médica, xa que na actualidade resulta moi difícil atopar algún exemplar da mesma. Nela ponse de manifesto a riqueza do territorio galego en canto á cantidade e calidade das súas augas minerais. O doutor Gómez de Bedoya, que procedía de Madrid, foi o primeiro médico do cabido compostelán e o primeiro catedrático de Cirurxía e Anatomía da Universidade de Santiago.

O encargado de presentar a publicación será o doutor Luís Rodríguez Míguez, médico especialista en termalismo. Tamén intervirán Lourdes Mourelle, investigadora da Universidade de Vigo; o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor; xunto co director xerente do Grupo Caldaria, Javier Soto.

Sociedade