O Bellón Maceiras Quinteto presenta o seu primeiro disco, "Folk Fusión"

O Bellón Maceiras Quinteto presenta o seu primeiro disco, "Folk Fusión"

05 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A formación que lideran o gaiteiro Daniel Bellón e o acordeonista Diego Maceiras estreará “Folk Fusión” o vindeiro 19 de abril no Forum Metropolitano da Coruña, con Juan Tinaquero, no contrabaixo, Juan Cabe, na guitarra, e Miguel Lamas, na batería. Tras deste primeiro concerto, o 21 de abril actuarán no Jofre de Ferrol e o día 30 no Salón Teatro de Santiago de Compostela

Grabado a comezos deste ano, "Folk Fusión" supón un achegamento do Bellón Maceiras Quinteto a distintas culturas e ritmos do mundo. No disco, que Daniel Bellón define como “unha fusión de todo”, inclúese habaneras, temas que soan a pop ou a samba, ate un vals francés dos anos 30. Tamén se incorporaron ao repertorio versións dalgún tema de “Unión das Terras”, o anterior traballo do dúo Bellón Maceiras, e tres “composicións propias con certo cheiro español, rumano e galego”, engade Diego Maceiras.

Nunha entrevista en Radiofusión, os músicos feneses aseguraron que neste primeiro traballo do quinteto “todos os instrumentos teñen o seu protagonismo e o seu plano en escea, cando a música o require”. Ademais, loubaron o bo facer sobre o escenario dos seus compañeiros de formación; Juan Quinatero, Juan Cabe e Miguel Lamas, asegurando que “son isntrumentistas cunha persoalidade moi marcada e un estilo moi definido”.

O Bellón Maceiras Quinteto naceu en 2007, como resultado da evolución do dúo formado por Daniel Bellón e Diego Maceiras. Logo de actuar no Festival do Mundo Celta dese ano, a formación foise consolidando e comezou a actuar por distintos escenarios, sempre apostando pola fusión da música tradicional con outros estilos e ritmos de diversa procedencia.

A piques de lanzar este novo disco, Daniel Bellón e Diego Maceiras adiantan que inicialmente só se poderá mercar en Galicia e únicamente nos concertos programados para a presentación de “Folk Fusión”. Xa no mes de maio, a discográfica Boa Music comezará coa distribución a nivel nacional e internacional.

Sociedade