O bloqueo da tarxeta sanitaria afectoulle xa a 30 infectados polo VIH en Galicia

O bloqueo da tarxeta sanitaria afectoulle xa a 30 infectados polo VIH en Galicia

02 de Decembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Ata 30 casos de persoas en situación de precariedade económica e afectadas polo VIH ficaron sen asistencia sanitaria pública nos últimos días por mor do bloqueo da súa tarxeta sanitaria. A denuncia procede de Lazos Pro Solidariedade-Comité Antisida de Ferrol, que salienta o grave prexuízo que nas persoas ameazada pola sida xera a lea administrativa arredor do acceso ás prestacións do Sergas no caso dos parados de longa duración e o

Os axustes orzamentarios que atinxen directamente aos infectados polo virus VIH provocarán unha contradición no gasto público. A menos recursos investidos, máis posibilidade de que se rexistre un aumento dos contaxios e, xa que logo, se produza un maior custo para as administración derivado do aumento da demanda de asistencia. O paradoxo explicouno en Radiofusiòn o voceiro do Comité Antisida de Ferrol, Carlos Varela. Como exemplo do efecto da mingua das axudas sinala que tralo peche do piso de Vigo, só hai dous inmobles de acollida para enfermos de sida en Galicia, un deles, o de Ourense, con prazas moi limitadas.

No que atinxe á atención médica, Varela salienta a discriminación por razón de residencia. Os problemas hepáticos son a primeira causa de morte para os afectados pola síndrome, pero só catro centros en todo o Estado -Barcelona, Bilbao, Madrid e Valencia- concentran o 80 por cento dos transplantes, polo que “os que viven alí teñen máis posibilidades” de sobrevivir. Na atención en Galicia, asegura que son decenas xa as persoas con VIH que están a ficar sen atención polo bloqueo das tarxetas sanitarias.

Varias son as mensaxes que dende os Comités Antisida queren lanzar nesta xornada, entre elas a necesidade de establecer no ensino regrado pautas para unha educación en saúde sexual “que teñan en conta todas as opcións sexuais”. Perante a diminución da percepción do risco de contaxio na sociedade, defenden a promoción do uso do preservativo e a realización das probas rápidas para saber se un é portador do virus. Ademais, dende Lazos Ferrol avanzan que en 2012 farán campaña para que se lle permita ás persoas contaxiadas subscribir seguros de vida e hipotecas para unha vivenda que lles permita levar unha vida autónoma, así como eliminar as trabas que teñen para acceder a unha vivenda pública por estaren catalogados legalmente no grupo das enfermidades infecto-contaxiosas.

Sociedade