O BNG anuncia que defenderá en Bruxelas os intereses dos gandeiros lucenses

O BNG anuncia que defenderá en Bruxelas os intereses dos gandeiros lucenses

13 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, compareceu hoxe en rolda de prensa xunto ao responsábel comarcal do BNG en Lugo, Antón Bao, para anunciar que o BNG presentará de contado diversas iniciativas no Parlamento Europeo para defender o sector agrogandeiro galego. Neste sentido, Ana Miranda explicou que a súa presenza en Lugo ten como finalidade conquerir as necesidades e coñecer a problemática que afecta aos sectores produtivos das comarcas lucen

A representante do BNG no Parlamento Galego expresou que “a única forza política que fai en Europa unha defensa activa e real dos problemas e decisións que afectan a Galiza é o BNG, xa que en negociacións de asuntos importantes para o medio rural galego como a problemática do sector leiteiro os eurodiputados do PSOE e do PP permanecen ausentes”. Por este motivo, malia aínda non ocupar o seu escano no Parlamento Europeo ao estabelecerse unha quenda rotativa coas outras forzas con representación na coalición, Ana Miranda manifestou sentirse moi satisfeita de poder desprazarse a Lugo e a Meira para manter contactos coa xente e coñecer de primeira man os seus problemas de cara a elaborar iniciativas que defendan, segundo ela afondou “nas particularidades que ten Lugo ao respecto doutros territorios, como son o seu marcado carácter produtivo agrogandeiro e forestal, a dispersión poboacional e o despoboamento”.

Tendo isto en conta, Miranda informou de que o BNG vai levar iniciativas ao Parlamento Europeo para que “a UE contemple a especificidade do sector agrícola, gandeiro e poboacional de Galiza, xa que se debe ter en conta que as necesidades non son as mesmas”. Falando de medidas específicas, Ana Miranda afirmou que “a defensa dun grupo lácteo galego, da creación dunha marca de calidade para o leite galego, vai ser unha prioridade para o BNG en Bruxelas, xa que noutras rexións europeas, como a alemá de Baviera, logo das súas reivindicacións, a UE apoiou con fondos o desenvolvemento agrogandeiro nesta zona”. Miranda incidiu en que “Galiza conta con todas as potencialidades e recursos para producir leite galego de calidade, ecolóxico, cuxo desenvolvemento debe ser apoiado e por iso se debe reclamar desde aquí ese apoio”, motivo polo cal se debe facer este traballo de campo, matizou.

Ana Miranda explicou que a día de hoxe se está “a debater no Parlamento Europeo un informe dun compañeiro noso de grupo sobre as rendas dos pequenos e medianos empresarios agrarios, e que mellor que desprazarse a Lugo para coñecer de primeira man a situación”. E neste senso, Miranda afirmou que o BNG fará unha defensa do modelo “agroterritorial”, por ser aquel “mellor axeitado á realidade galega e lucense xa que permite un desenvolvemento dos sectores produtivos agrogandeiros tendo en conta a súa capacidade para fixar poboación e producir un reequilibrio territorial do país”.A representante do BNG en Europa reafirmou que “isto constitúe un exemplo do traballo que debe facer un parlamentario europeo, non simplemente permanecer no seu despacho de Bruxelas” co que o BNG segue a dar exemplo da vontade transformadora e de traballo a prol do desenvolvemento de Galiza.

Por outra banda, Ana Miranda fixo fincapé en que todos estes elementos de defensa activa do sector agrogandeiro lucense e galego que o BNG está a xuntar e defender en Europa van ter unha importancia moi grande, xa que o “BNG ocupará a representación do seu grupo no Parlamento Galego no ecuador da lexislatura, xustamente cando se produzan os debates máis importantes sobre política agraria e pesqueira, polo que a defensa política dos intereses de milleiros de galegos e galegas en Europa estará garantida en mans do BNG”.

Xuntanza e acto público en Meira

Ana Miranda participará esta tarde en Meira, ademais, nun encontro con representantes de diferentes grupos de desenvolvemento rural que lle transmitirán as súas inquedanzas á hora de levar a cabo o seu traballo, no que Miranda afirmou que “o BNG velará e traballará para que AGADER, encargada de xestionar os fondos públicos europeos para desenvolvemento rural, sexa unha verdadeira maquinaria para lograr a mellora do tecido rural galego e apoie ao máximo os GDRs no seu traballo a prol de todos e todas”.

Ás 9 da tarde, está previsto que Ana Miranda participe xunto a Antón Bao, responsábel comarcal do BNG en Lugo, e María Vega, portavoz do BNG de Meira, nun acto público aberto á participación dos veciños e veciños de Meira e arredores para transmitir as alternativas do BNG á crise económica que afecta tamén ao rural e informar de todo o traballo que está a desenvolver o BNG en Meira, Lugo, Galiza e Europa para defender os intereses do noso rural. Estes actos abertos tamén se levan a cabo coa finalidade que antes se mencionou de recoller de primeira man as inquedanzas e problemas da xente que vive no rural para poder trasladalas ás institucións encargadas de deseñar políticas que favorezan o desenvolvemento do rural.

Sociedade