O BNG asegura que a modificación da Lei do Solo non recolle as demandas dos concellos

O BNG asegura que a modificación da Lei do Solo non recolle as demandas dos concellos

14 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O representante do BNG na Executiva da FEGAMP, Francisco García, e o concelleiro de Obras e Infraestruturas de Pontevedra, César Mosquera, analizaron esta mañá o proxecto do executivo de Feijóo de modificación da Lei do Solo. Francisco García acusa ao PP de utilizar á FEGAMP como “pretexto para facer unha modificación legal de calado, cun esp&iac

García quixo apuntar que, ao contrario do manifestado polo PP nas últimas semanas, esta modificación da Lei do Solo non recolle as peticións e reclamacións da Federación Galega de Municipios e amosou a súa sorpresa polo feito de que o goberno estea a afirmar o contrario. “Utilízase a FEGAMP como pretexto para facer unha revisión en profundidade e de calado da lexislación urbanística”, afirmou.

De feito, tal e como apuntou o alcalde alaricano, as propostas da FEGAMP, elaboradas en 2007, non foron recollidas no documento que modifica de xeito substancial a Lei urbanística vixente, aprobada en 2004 coa autoría de Núñez Feijóo e que si recollía propostas do organismo que agrupa aos concellos galegos.

De feito, Francisco García negou que a modificación da Lei recolla aspectos como unha maior autonomía municipal, “só é asi no caso da concesión de licenzas urbanísticas en solo rústico pero, en ningún caso, en aspectos substanciais como a aprobación definitiva de planeamentos municipais”.

O representante nacionalista quixo remarcar que se trata dunha avaliación inicial “con todas as reservas, dado que estamos a falar dun proxecto” e amosou a súa esperanza de conseguir modificar algúns destes aspectos, tanto a través das conversas que o goberno mantén coa FEGAMP, como na tramitación parlamentar desta norma.

O concelleiro de Infraestruturas de Pontevedra, o nacionalista César Mosquera, explicou que esta modificación supón unha recuperación do decreto que Aznar aprobou no estado español no ano 96 e que recollía que “todo solo que non estea especialmente protexido é urbanizable”.

Segundo indicou Mosquera, o artigo 6 do texto de modificación da Lei existente elimina “a primacía da menor edificabilidade, maior dotación de espazos públicos e maior protección ambiental e se substitúe pola interpretación do Código Civil que cada un fará segundo mellor lle conveña”, continuou, o que supón “que se abrirá a man a solucións aberrantes”.

O BNG critica de xeito especial tamén a modificación da definición de solo urbano, “algo que parecía asentado na xurisprudencia” e isto suporá na prática que “van proliferar como fungos as urbanizacións sen dotacións de ningún tipo e sen cargas”. Deste xeito, tal e como indicou Mosquera, “vai ser inviábel edificar en solo urbano, posto que os promotores preferirán facelo en solo sen carga algunha”.

Sociedade