O BNG demándalle ao goberno un prezo mínimo para o leite e un control das importacións para evitar a competencia desleal

O BNG demándalle ao goberno un prezo mínimo para o leite e un control das importacións para evitar a competencia desleal

15 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O senador do BNG por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, presentou unha iniciativa na Cámara Alta pola que lle demanda ao Goberno que estableza un prezo mínimo para o leite e que se controlen as importacións. En concreto, a moción consta de 5 puntos que, segundo o senador do BNG, permitirán loitar de forma efectiva contra a grave crise que sufre o sector lácteo galego.

En primeiro lugar, o senador nacionalista demándalle ao Goberno que “defenda no seo da Unión Europea a necesidade de establecer un prezo de referencia en orixe para o sector lácteo, co obxectivo de garantir unha renda digna aos produtores”.

O punto dous da moción do BNG pide que se aborde un problema estrutural do sector lácteo español. Segundo o partido nacionalista, debido á mala negociación que se fixo no seu día, o Estado Español só dispón dunha cota de 6 millóns de toneladas para poder producir, cando o seu consumo é de 9 millóns de toneladas anuais, o que fai que se produzan crecentes importacións de leite de países excedentarios, en grave prexuízo dos produtores lácteos galegos. Neste sentido, esíxeselle ao Goberno que defenda na Unión Europea un incremento da cota para o Estado Español que lle permita cubrir o consumo interno.

As importacións de leite líquido medraron un 16 % a uns prezos que foron case un 20% máis baratos

En relación co anterior punto, a iniciativa do BNG tamén demanda que “en colaboración coas Comunidades Autónomas, se poña en marcha un rigoroso programa de control, para evitar tanto prácticas de dúmping, como a utilización por parte das grandes cadeas de distribución das marcas brancas de leite a baixo prezo como produto reclamo para os seus clientes”.

Neste sentido, e segundo os datos da Estatística de Comercio Exterior da Axencia Tributaria, Xosé Manuel Pérez Bouza lembra que as importacións de leite líquido a granel, aquel que traen as industrias para abastecemento, experimentaron un forte incremento do 16%, pasando de 429.340 toneladas en 2007 a 497.743 toneladas en 2008.

O senador do BNG considera que “non é casual que este incremento das importacións de leite a granel a baixos prezos coincida coa forte caída de prezos en orixe que lle pagan as industrias aos produtores no Estado Español”.

Así, e segundo a estatística elaborada tamén a partir dos dados da Estatística de Comercio Exterior da Axencia Tributaria, o prezo medio do leite líquido a granel importado foi en xaneiro de 2009 de 0,30 € por litro, fronte aos 0,38 € de media de xaneiro de 2008. Isto supón unha abaratamento do prezo do leite importado do 19,80%, unha caída que tira á baixa dos prezos no Estado Español.

Por outra parte, a iniciativa do BNG tamén demanda ao Goberno que “se fomenten os acordos no seo da Interprofesional Láctea para lograr contratos homologados entre produtores e industria transformadora que garantan uns prezos mínimos en orixe”.

Plan Lácteo cunha inversión de 500 millóns de euros

Por último, a moción do BNG solicita que “o Goberno do Estado, de acordo coas Comunidades Autónomas, poña en marcha un Plan Lácteo para o período 2009-2013, dotado cun mínimo de 500 millóns de euros, que permita axudar ás explotacións con vontade de permanencia e poder adaptarse á nova situación de liberalización do sector a partir de 2015, co obxectivo de que as explotacións do Estado español poidan competir en igualdade de condicións coas doutros países produtores do noso entorno”.

O BNG apoia as mobilizacións dos produtores galegos mañá en Madrid


A executiva do BNG mostrou o seu apoio ás mobilizacións dos produtores de leite de Galicia en demanda duns prezos dignos e fronte ás prácticas abusivas das industrias leiteiras, polo que apoiará a manifestación do sector lácteo galego prevista para mañá, xoves, en Madrid.


Así mesmo, o BNG lamenta que outras administracións non acompañen as políticas positivas para o sector impulsadas pola Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galiza. En concreto, o BNG lamenta que o Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Marino apoiase recentemente en Bruxelas un incremento lineal do 2% da cota láctea para todos os estados de Unión Europea, desoíndo a demanda dos produtores galegos de que se puxese fin á discriminación histórica que supón non poder incrementar a súa produción para, polo menos, cubrir o consumo interno do Estado español.

Sociedade