O BNG demanda no Congreso dos Deputados melloras no firme da N-640 e a supresión do punto negro de O Couto, en Castro de Rei

O BNG demanda no Congreso dos Deputados melloras no firme da N-640 e a supresión do punto negro de O Couto, en Castro de Rei

26 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A proposición non de lei finalmente aprobada, ao aceitar o BNG emendas dos outros grupos, insta ao Goberno a “acometer con carácter de urxencia as obras necesarias para mellorar a estrada N-640 ao seu paso pola provincia de Lugo, tanto no referente ao estado do firme como á súa sinalización”.

Na defensa da iniciativa, o deputado do BNG Francisco Jorquera lembrou que a estrada N-640 Lugo-Meira-Ribadeo “é, aínda hoxe, unha das principais vías de comunicación da cidade de Lugo coa Mariña, sobre todo co concello de Ribadeo e coa costa do Occidente de Asturias”.

Neste sentido, Francisco Jorquera denunciou que “o trazado en xeral non tivo ningunha reforma importante desde hai vinte anos, con numerosas fochancas, falta de carrís de adiantamento, especialmente no caso do tramo Lugo-Meira, a pesar do elevado volume de tráfico, o que dificulta claramente o día a día dos habitantes dos concellos de Lugo, Castro de Rei, A Pastoriza, Pol, Meira, Riotorto, A Pontenova, Trabada e Ribadeo”.

A este respecto, o deputado do BNG advertiu de que “mesmo os bacheos que se fixeron en outono están totalmente desfeitos, tanto pola mala calidade da intervención realizada como pola elevada choiva caída este inverno”.

Supresión do punto negro de Castro de Rei

Ademais, o deputado do BNG, tanto no propio Parlamento, como nunha comparecencia hoxe en Lugo, defendeu a necesidade de suprimir o punto negro das curvas de Couto de A, en Castro de Rei, mediante un cambio de trazado.

Francisco Jorquera advertiu de que “até o momento só se puxeron parches á N-640 ao seu paso pola provincia de Lugo”. Por iso, defendeu a necesidade de “abordar globalmente o estado desta infraestrutura, apostando por unha corrección do trazado nas zonas de maior perigosidade -especialmente no tramo entre Meira e Ribadeo- mediante a rectificación das curvas; ampliar os arcéns e crear carrís para vehículos lentos nos tramos que non existen”.

Por último, demandou que no tocante ao pavimento, “e dada a elevada pluviosidade da provincia, débense utilizar materiais que eviten que a auga se acumule sobre a plataforma”.

A iniciativa promovida polo BNG foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos políticos.

Sociedade