O BNG expón as súas alternativas á crise en Meira

O BNG expón as súas alternativas á crise en Meira

03 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A vila de Meira foi o espazo elixido polo BNG de Lugo para presentar as súas alternativas á crise económica na mañá de onte. A delegación encabezada polo seu responsable comarcal, Antón Bao, e da que formaron parte a portavoz do BNG de Meira, María Vega; a tenente de alcalde nacionalista da Pastoriza, Elba Carreira; a portavoz do BNG de Pol, Branca Rodríguez, mailo responsable local desta formación política meirego, Xosé Sal

Os membros do BNG percorreron os diversos postos do mercado ofrecendo aos veciños e veciñas de Meira e aos comerciantes que alí se atopaban cos seus postos información sobre as súas propostas para superar o estadio de crise económica e que Galicia comece a desenvolver todas as súas potencialidades apoiándose nos seus sectores produtivos.

A delegación nacionalista criticou a política de emprego do actual Executivo galego ao afirmar que “desde que é presidente Alberto Núñez Feijóo, Galicia ten 33.000 parados máis e o paro medra máis en Galiza, mes a mes, que no resto do Estado”. Segundo o BNG “o goberno do PP na Xunta de Galicia demostrou que carece de alternativas  e solucións á crise económica. De feito, non só non se chegou a presentar o famoso Plano Anticrise dotado de 1.200 millóns de euros que anunciou no verán de 2009, senón que irresponsabelmente está a dar luz verde a moitos ERES que non teñen unha xustificación obxectiva. Moitas empresas están a utilizar a coartada da crise para alixeirar planteis e substituír a traballadores cualificados e con salarios dignos por temporais en condicións salariais precarias”.

Dentro do programa da coalición nacionalista proporase como medidas a adoptar fronte a actual situación de estancamento económico “unha política de gasto público ao servizo do estímulo económico e a creación de emprego, así como unha reforma fiscal progresiva para que aqueles que máis teñen sexan quen máis paguen, e non subir os impostos como IVE”.

Un dos puntos nos que o BNG fará máis fincapé é na reforma necesaria para o estabelecemento dun sistema financeiro que permita restaurar o fluxo de crédito a particulares e empresas, “outorgando así o apoio necesario para favorecer que se emprendan novas iniciativas económicas”. Neste camiño situaríase, para este partido o apoio do Parlamento Galego á Lei de Caixas “porque desde a nosa formación sempre se reivindicou que posuír unha ferramenta financeira constitúe un elemento imprescindíbel para financiar a economía do País”.

Desde o punto de vista social, o BNG cre necesario “facer unha política pensada para as persoas e os problemas que teñen que resolver”. Neste camiño, consideran  que “a protección da estabilidade e a garantía do emprego son dúas premisas que o BNG considera primordiais” e que, por contra, “o goberno de Feijóo está a esquecer”. Un apartado no que esta delegación, encabezada polo vicepresidente primeiro da Deputación Provincial, se amosou firme foi na súa posición contraria ao “abaratamento do despido que se plantexan desde o goberno central, ao considerar que os dereitos de traballadores e traballadoras deben estar protexidos dos abusos, sobre todo nestes tempos”.

O propio Bao tamén amosou o “apoio aos sectores produtivos galegos, xa que resulta básico para o desenvolvemento do País, por iso o BNG cre que aí é cara onde se deben dirixir os esforzos en investimentos e potenciar os sectores económicos estratéxicos, como o sector lácteo, o pesqueiro ou as enerxías renovables”.

Sociedade