O BNG pide unha investigación do accidente laboral en Lugo no que faleceu un traballador e outro resultou ferido de gravidade

O BNG pide unha investigación do accidente laboral en Lugo no que faleceu un traballador e outro resultou ferido de gravidade

26 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O deputado do BNG no Parlamento Galego, Henrique Viéitez, presentou unha iniciativa na que lle demandou á Consellaría de Traballo da Xunta de Galicia que investigue o grave accidente sufrido esta semana por dous traballadores que manipulaban unha estada na cidade de Lugo, consecuencia do cal un morreu electrocutado e o outro sufriu feridas de gravidade.

O representante nacionalista criticou a escaseza de atención á prevención de riscos laborais na construción e advertiu de que “a sangría constante de traballadoras e traballadores, nomeadamente do sector da construción, demostra a cativa eficacia da lexislación e pon en evidencia que a prevención é unha materia pendente no mundo do traballo”. Viéitez revelou que, “ao parecer”, estes traballadores “non tiñan curso de prevención de riscos laborais, nin tan sequera no nivel básico”.

“Neste sentido -engadiu-, e partindo da base de que a seguridade no traballo debe ser unha corresponsabilidade de empresas, traballadores e administración, é a Xunta de Galicia a que debe poñer máis empeño en que se cumpra a lei”.

Ante esta situación, o deputado do BNG preguntoulle ao Goberno galego se a empresa implicada no accidente “tiña elaborado e posto en marcha o plan de prevención de riscos laborais”.

Por último, e entre outras cuestións, Henrique Viéitez inquiriu á Xunta sobre se “dado que este é o terceiro accidente en menos de medio ano, ¿Cal é o plan que ten pensado desenvolver a Administración para que non se repitan estas situacións?”.

Sociedade