O BNG pon o punto e final á coalición co PSOE en Fene

O BNG pon o punto e final á coalición co PSOE en Fene

30 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

“Renovamos e reafirmamos o noso compromiso coa cidadanía de Fene” afirmaron esta tarde os membros do BNG, ao dar conta da decisión adoptada pola formación nacionalista de “poñer o punto e final” ao goberno de coalición que mantiñan ata a data co PsdeG PSOE. “Estaremos a partir dagora coas mans libres para encabezar e respaldar as demandas veciñais” manifestou o voceiro do Bloque Manuel Polo.

O BNG censurou aos socialistas á hora de xustificar a decisión adoptada pola asamblea local o pasado luns. “O alcalde e o PSOE abstivéronse á hora de votar unha moción que pedia a reactivación da antiga Astano, a mesma iniciativa que respaldaron alcaldes socialistas como o de Ares ou o das Pontes” manifestaron os voceiros do BNG, que tamén afirmaron que o “socio de goberno carece dunha idea xeral sobre o Fene de futuro que queren, e tampouco saben xestionar o inmediato”. Criticaron que ao finalizar o mes de xuño “non se teñan aprobado os orzamentos municipais, nen convocada á primeira reunión para discutilos”.
A oposición da formación nacionalista será constructiva e dialogante, segundo manifestaron, ainda que tamén precisaron que “serán un ariete contra todo o que signifique retroceso nas conquistas da cidadanía de Fene”.
A Corporación de Fene formánna 7 concelleiros do PSOE, 5 do BNG, 4 do PP e 1 de Esquerda Unida. Por primeira vez desde as primeiras eleccións democráticas de 1979, o Bloque Nacionalista Galego pasará mañá á oposición en Fene.

Sociedade