O BNG reclama que o PXOM garanta a riqueza agropecuaria de Guitiriz

O BNG reclama que o PXOM garanta a riqueza agropecuaria de Guitiriz

15 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O grupo municipal do BNG en Guitiriz, que non conta con representación no Concello,  anunciou que presentará alegacións contra do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que aprobou o pleno da vila chairega o pasado 2 de xullo, gracias aos votos a favor do PSdeG-PSOE e a abstención do TEGA.

O partido nacionalista considera que o deseño do plan e a súa aplicación na práctica non ten en conta “a riqueza agropecuaria e forestal do concello de Guitiriz, piar fundamental da base económica de boa parte dos seus veciños e veciñas”. Esta formación política pide que os terreos que figuran como solo urbano no PXOM aínda vixente se manteñan como tales no novo documento.

 

 

O BNG establece, así mesmo, unha serie de elementos patrimoniais que “deben ser incluídos dentro do catálogo”, como son os muíños da Ruxida, Ferreira, Parga, San Alberte, Pitero, Prado, Santa Locadia, Xiá, Xestoselo, e o do túnel do ferrocarril, ademais do Caneiro da Retorta, o miradoiro e a fonte de San Alberte, os pozos de Solouteiro, Toar, Eirexe e a Casa Rectoral de Sambreixo.

 

Como equipamentos, os nacionalistas reclaman que “o Concello delimite como zonas de equipamento nos solos urbanizables terreos ben situados, de xeito que os novos espazos públicos non ocupen zonas residuais carentes de valor social e económico”.

 

O Bloque tamén se refire ás zonas verdes, xa que no caso de “existir masas arbóreas de interese dentro dos solos urbanizables debe ser garantida o a súa conservación”, de igual forma que a carballeira existente no sector SUR-R1, na súa integración centro do espazo urbano.

 

Por último, en canto á zona rural, o BNG solicita que se delimiten os Montes Veciñais en Man Común e que se clasifiquen como solo rústico coa protección correspondente, ademais de establecer previsións de novas redes de saneamento e abastecemento de auga para os núcleos rurais e as áreas de expansión.

Sociedade