O Burela FS pon en marcha a quinta edición do Campus Mixto Internacional

O Burela FS pon en marcha a quinta edición do Campus Mixto Internacional

27 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

O Burela FS xa ten en marcha o V Campus Mixto Internacional de Fútbol Sala Base, a cita futboleira do verán, que terá lugar entre o 13 e o 16 de xullo e na que a entidade laranxa volverá reunir os mellores especialistas nacionais e internacionais na materia.

Todos aqueles/as rapaces/as de entre 7 e 14 anos que queiran gozar deste deporte con xogadores e técnicos de renome poderán reservar a súa praza a partir do luns 13 de xuño. Xa é o quinto ano que se celebra este campus para a xente máis nova e cada edición ten mellor acollida. Aínda que a maioría dos asistentes son da zona da Mariña, tamén acoden nenos e nenas de outras partes de Galicia e mesmo de Portugal e Venezuela. Ademais dos adestramentos, clases e todo o relacionado co fútbol sala, os rapaces asistentes tamén participan en actividades na praia, xogos e  convivencia activa.
 A folla de matrícula estará a disposición das persoas interesadas nas oficinas do club (avda. Arcadio Pardiñas, número 97) ou a través da páxina web www.burelafs.org. O prazo estará aberto ata o mércores 7 de xullo e o prezo da matrícula para será de entre  40 e 55 euros . Aqueles/as alumnos/as que o desexen tamén poderán escoller entre un réxime de media pensión ou de pensión completa.
Nos próximos días o club burelista cerrará a súa lista de invitados/as para o V Campus Mixto Internacional e ofrecerá información máis detallada. Cabe sinalas que por ex emplo, na pasada edición de 2010, a cita laranxa contou coa presenza do seleccionador de Tailandia, José Mª. Méndez, Pulpis; os adestradores Paulo Eduardo de Jesús Pinho e Juan Miguel García, Juanito ou o ex-gardameta do Azkar Antonio Lodeiro, Toni. Tamén pasaron por Burela Venancio López, seleccionador de España; Eduardo Sao-Thiago Lentz, adestrador de ElPozo Murcia; Bruno García; técnico do Azkar Lugo e seleccionador de Galicia; María Varela Bardanca, seleccionadora de Galicia Feminina; o ex-internacional Javier Orol. Moitos e importantes nomes se dan cita na Mariña para aleccionar ós máis novos no fútbol sala. Ademais tamén hai unha gran presencia dos corpos técnicos e cadros masculinos e femininos da entidade mariñá.

Deportes