O cóctel de jazz, bossa e samba de Cocktail Sound

O cóctel de jazz, bossa e samba de Cocktail Sound

03 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Capela do Centro Torrente Ballester acollerá este xoves, ás 22:00, unha nova actuación do ciclo Novas Noites. Nesta ocasión actuará a formación Cocktail Sound, que ofrecerá un repertorio baseado en música jazz, samba e bossa.

Jose Esteban (guitarra), Pepín de Paz (piano) e Genia Fernández (voz) integran este proxecto baseado na procura do son cocktail cun repertorio do jazz, bossa e samba e creado pola cantante de Ferrolterra Genia Fernández, tamén coñecida noutros ámbitos como Eugenia ou Uxia. Esta artista cantou desde nena e como contralto en coros como Euterpe, Albae Sonus e o Coro Universitario de Santiago de Compostela e actuou posteriormente a dúo con Christopher Dravers á guitarra. No ano 2007 asistiu ao SPJ (Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra) con Paco Charlín e Abe Rábade. De xeito casual entrou en contacto con Pepín de Paz, por saltar ao escenario nunha jam do Concello o pasado ano, un músico veterano da comarca que involucrou no proxecto a Jose Esteban, experimentado guitarrista con formación no Taller dels Músics de Barcelona e coñecido no mundo da música por proxectos anteriores como Concerto Swing e o Foli Lama Group. O grupo caracterízase por ofrecer unha música elegante propia para un cocktail de música.

Sociedade