O cólera morbo e a gripe de 1918

O cólera morbo e a gripe de 1918
05 de Maio, 2020 - 10:33 h. | Publicada por Radio Fene

O historiador ferrolán Guillermo Llorca achegouse á repercusión das vellas pandemias do cólera de mediados do século XIX e da gripe de 1918 en Ferrol. Todas deixaron mortos pero tamén ensinanzas. 

ESCOITA O PODCAST:

A mal chamada “gripe española” de 1918 provocou a escandalosa cifra de 50 millóns de mortes en todo o mundo. Segundo escribe o historiador ferrolán Guillermo Llorca nun artigo publicado recentemente para o Instituto Cornide, en Ferrol aquela pandemia non tivo unha repercusión tan grave como noutros lugares. A fonte que manexa Llorca é o informe dun médico do hospital de Caridade que proporciona a cifra de 300 mortes, sendo a maioría mulleres. Recoñece o historiador ferrolán que non se pode comparar a pandemia da gripe de 1918-1919 coa do Covid19 porque os medios son outros pero, aínda así, hai similitudes nalgúns dos remedios aplicados como o illamento da poboación, evitando as aglomeracións e limitando o número de asistentes aos enterros, ou extremar a hixiene, recursos utilizados en ambas crises con cen anos de distancia.

O cólera morbo de mediados do século XIX tivo varias ondas, a primeira que chega desde Vigo en 1833 e a segunda en 1854 que afecta a toda Galicia, cun resultado de 5.000 mortes, sendo 1000 na Coruña. Guillermo Llorca indaga na repercusión da cólera en Ferrol a través do médico Pastor Nieto. Se ben explica que son datos imprecisos, levaríannos a uns 138 mortos na cidade. Exactamente Nieto especifica: 53 homes, 63 mulleres e 22 nenos.

Na crise sanitaria do Covid19 hai tele predicadores que saben disto e do outro, quen di que o licor café cura o coronavirus, ou presidentes que recomendan beber lixivia. Nas crises que acabamos de citar, Llorca cóntanos que en casos de extrema gravidade, para o cólera recomendaban aplicar samesugas no cú, tomar viño (recomendado por algunha marca ao uso) ou chiculate, recomendado pola marca Helvetia.

Os historiadores defenden que sempre se pode aprender algo do pasado, para iso está a historia, para explicalo. Guillermo Llorca quédase cun aspecto coincidente entre as tres pandemias, cólera, gripe e coronavirus, o sentimento de solidariedade que agroma en todas elas. Recolleu na súa investigación como os traballadores do Arsenal fixeron un colecta para repartir os cartos entre as viúvas, como a funeraria Porto regalaba os ataúdes ás familias máis pobres para enterrar os seus mortos, ou como a colonia inglesa en Ferrol fixo unha subscrición popular. “Igual que hoxe, cos sanitarios ao pé do canón, houbo mostras de solidariedade” conclúe Guillermo Llorca, quen escolleu vivir no rural hai corenta anos e por iso se sinte un privilexiado no medio deste confinamento. “Quizás outra ensinanza desta crise, afirma, é que a xente volva valorar a natureza e a respectala”.

(Imaxe de arquivo de Guillermo Llorca)

Cultura

Publica o teu comentario agora