O calor do galego en Carral

O calor do galego en Carral

23 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Escritores, músicos e xentes da cultura participaron no acto organizado pola plataforma Queremos Galego en Carral na tarde do sábado. Querían aportar o calor da lingua galega fronte ao frío da incultura e do uniformismo. Abriron o festival os grupos Catalmibre do Burgo (Culleredo), Terra de Sena de Cee e Nosa Señora do Carme de Fisterra.

O Senado en aplicación do principio constitucional que salienta que "a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respeito e protección" inaugurou esta semana un sistema de tradución simultánea que permitiu por primeira vez na historia que a Cámara Alta escoitase a lingua galega, configurandose dese xeito na práctica como unha verdadeira Cámara de representación territorial. Distintos oradores no acto da plataforma Queremos Galego en Carral, referíronse a ese feito como un acto de festa "porque esta semana puxemos máis alta a lingua galega. O noso idioma chegou ao Senado".

 

Referíronse tamén ao libro 55 mentiras sobre a lingua galega, do que se venderon máis de 10.000 exemplares e que se convertiu no éxito editorial do pasado ano 2010 en Galicia. Dise nese volume:

Ningún cidadán está obrigado a ser funcionario (médico, xuiz, mestre, administrativo, etcétera) en Galicia, como ninguén está obrigado a ser taxista ou futbolista. Pero se un traballa de taxista terá que ter o carné de conducir e coñecer a cidade onde traballa, e se é futbolista terá que vestir o uniforme do equipo e acatar as regras de xogo. Pois os funcionarios deben ser competentes para respectar as regras dos regulamentos: o dereito dos cidadáns a seren atendidos en calquera das dúas linguas oficiais e a obriga dos funcionarios a dominaren as dúas linguas por activa e por pasiva, porque cada posto de traballo require un perfil, uns coñecementos e uns requisitos diferentes.

No festival actuaron as pandereteiras Xoldreira de Carballo, o cantautor Tino Baz, Miro Casabella e o grupo A Quenlla. Dirixíronse aos asistentes o escritor David Otero, a adestradora de fútbol Pilar Neira, o crego Alfonso Blanco, o dramaturgo Manuel Lourenzo e a directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña Goretti Sanmartín. Fixeron igualmente uso da palabra o escritor Mario Gallego Rei, a enxeñeira agrónoma Pura Ferreño, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Carlos Callón e a estudante Antía Sotillo. Pasaron tamén polo escenario Xoan Xosé Abella, Agueda Rei, Peter Brea, Belén Núñez, Fran Rei e Iria Taibo.

 

Sociedade