O camiño primitivo entre Fonsagrada e Baleira

O camiño primitivo entre Fonsagrada e Baleira

19 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Este domingo terá lugar o penúltimo dos roteiros organizados pola asociación ecoloxista ADEGA polo Camiño Primitivo, que transcorrerá entre Paradavella, en A Fonsagrada, e Cádavo, en Baleira, e que terá 14 quilómetros de duración. Con esta serie de rutas, a organización pretende amosar as “innumerables alteracións humanas deste camiño, que merecen ser coñecidas e denunciadas”. 

O punto de inicio será o núcleo de Paradavella, pertencente ao concello de A Fonsagrada, no que se poderán contemplar algúns exemplos da arquitectura tradicional desta área de montaña. Tras este comezo, avanzarase pola vertente oriental da Serra da Lastra, para entrar posteriormente nas terras do concello de Baleira, no que destaca en primeiro lugar o casarío de Degolada, que delimitaba fai varios séculos o “Condado de Naviensis”.

Posteriormente superarase a cota dos 800 metros para chegar ata o núcleo de San Xoán de Lastra, onde os peregrinos se preparaban para o ascenso ao alto da Fontaneira (950 m), lugar que conta precisamente cunha igrexa dedicada a Santiago. O topónimo da Fontaneira alude a que este é o lugar de nacemento do río Neira, e corresponde ademais á divisora das cuncas doutros ríos: o Eo e o Navia. Na baixada á Vaganta do Trabeiro, o camiño pasa polo Monte das Cruces, que albergou no pasado un camposanto,  e continúa cara ao Campo da Matanza. Neste lugar foron descubertos a finais do século XIX varios enterramentos e restos de armamento que poderían derivar, segundo  algunhas hipóteses,  das loitas con tropas musulmanas que se agochaban na garganta chamada A Trincheira. Desde a Matanza, baixarase polo Val do Neira ata  O Cádavo.

ADEGA tamén organiza, se as forzas dos camiñantes o permiten, a continuación do roteiro pola serra  da Vacariza na Cruz de Pedra (840 m) ata entrar en terras do concello de Castroverde e chegar ao lugar de Vilabade, que conta con importantes elementos patrimoniais.

O roteiro ten unha lonxitude próxima aos 14 km e ten unha dificultade media, polas súas frecuentes subidas e baixadas. Os prezos serán de 15 euros para os adultos, 12 para estudantes, parados e xubilados, socios 10 euros e rapaces ata 17 anos, 5 euros. O punto de saída será diante da Escola de Maxisterio de Lugo contra as 9 horas da mañá do domingo 23 de maio.

Sociedade