O Campionato Galego de Duatlón Escolar disputarase o sábado en Vilalba

O Campionato Galego de Duatlón Escolar disputarase o sábado en Vilalba

05 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Vilalba vivirá o sábado a fase final do Campionato Galego de Duatlón Escolar, que está organizado polo concello chairego, a Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Triatlón (FEGATRI).  Neste evento deportivo participarán preto de 200 rapaces das categorías alevín, infantil e cadete, entre as 16.30 horas, que se dará saída aos alevíns e as 18.30, hora na que rematarán os cadetes.

O percorrido escollido pola organización será, para o tramo en bicicleta, varias voltas ao circuíto que vai desde o Alto da Forca ata o Polígono, mentres que a ruta a pé partirá da explanada da Seat, en Sete Pontes, pasando pola vía de Servizo ata chegar á Parrillada A Revolta. As distancias están programadas en función da categoría. Así, os alevíns terán 1 km de carreira a pe, 4 km en bicicleta e 0,5 km de carreira a pe para rematar. Os infantís correrán 1.5 quilómetros, 6 km en bicicleta e outros 0.750 km a pe; mentres que os cadetes farán 2 km de carreira a pe, 8 en bicicleta e 1 km a pe para finalizar. A saída, os boxes e a meta estarán situados no Polígono Industrial.

No acto de presentación, o alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, afirmou que esta competición “é unha mostra da implicación que o noso Concello ten co deporte, como se proba tamén na organización das escolas deportivas que cada ano se fan desde a Casa Consistorial”. O apoio, segundo estableceu Criado, é unha cuestión primordial dentro da política do equipo de goberno, xa que “é fundamental para a formación da xente, en especial dos mais novos”, por iso “continuará co seu compromiso co Deporte, para poñelo en valor”.

Pola súa parte, José Manuel Rozas, responsable da Secretaría Xeral para o Deporte en Lugo, admitiu que foi a “especial sensibilidade para o deporte de base do Concello de Vilalba” o que o levou a contar con esta vila para acoller este evento, co que se pretende promocionar “uns valores precisos para que a xuventude teña e leve adiante unha serie de hábitos saudables e de prácticas deportivas”.

O presidente da Federación Galega de Triatlón, José Ramón Meilán, coincidiu con Rozas e Criado na importancia do deporte como forma de formación da mocidade e estableceu que “carreiras coma estas son a canteira de onde saen os vindeiros campións europeos”, pero tamén “é vital que existan escolas deportivas como a de Vilalba”. Meilán tamén indicou que se están a “introducir nos concellos da Terra Chá para poder contribuír ao coñecemento deste deporte”.

200 participantes

No Campionato Galego de Duatlón Escolar competirán preto de 200 rapaces que se clasificaron nas 11 probas que se disputaron ata o momento. Así, recolleron o billete para Vilalba os 8 primeiros masculinos e femininos de cada categoría das 4 provincias, así como os 2 mellores equipos de cada unha das 4 provincias galegas.

O Concello de Vilalba xa foi sede do Campionato Provincial de Duatlón o pasado sábado 24 de abril.

Peche do Alto da Forca

Desde o Concello informouse de que por mor da celebración do Campionato Galego de Duatlón Escolar 2010 a Rúa do Alto da Forca estará pechada ao trafico, no tramo comprendido entre o bar Katay e o concesionario SEAT (Polígono Industrial), o sábado 8 de Maio desde as 16:00 ata as 20:00.

Deportes