O Cantón acollerá o acto do BNG para conmemorar o Día da Patria Galega

O Cantón acollerá o acto do BNG para conmemorar o Día da Patria Galega

18 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Bloque Nacionalista Galego celebrará un acto público en Ferrol para conmemorar o “Día da Patria Galega”. O acto desenvolverase no Cantón de Molíns este mércores ás 20:30. No mesmo participará o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez que estará acompañado polo portavoz municipal, Xoán Xosé Pita, e pola Responsábel Local do BNG, Elia Rico.

O acto forma parte da campaña de mobilización social do Día da Patria Galega 2011 que o BNG celebra previamente á grande manifestación nacional que se celebra o dia 25 de xullo en Compostela. Esta campaña consiste na realización de distintos actos nas comarcas -desde charlas até mítins pasando por festas e repartos de dípticos- nos que participan referentes políticos do BNG, entre eles o portavoz nacional.

O BNG celebra este ano o Día da Patria baixo o lema: “Estamos por Galiza, a favor do pobo. Soberanía, Democracia e Traballo". “Preténdese expresar con claridade a nosa vontade de exercermos os nosos dereitos como pobo, como nación, nun contexto marcado pola crise da economía, mais tamén por unha profunda crise social e por unha crise da mesma democracia” sinalan dende a formación nacionalista.

Neste contexto o BNG preséntase "con alternativas propias e perfeitamente factíbeis fronte a un bipartidismo estatal esgotado que carece de propostas reais para enfrentar a crise nun sentido positivo para as maiorías sociais e para Galiza como nación”.
O BNG manifesta ser consciente de que a crise está a ser especialmente dramática para Galiza. “Atravesamos unha situación que temos cualificado como de emerxencia nacional. Os sectores produtivos básicos están baixo mínimos. O declive demográfico é arrepiante ou o paro que continúa a medrar”.

Ademais o BNG engade que “ante un cadro de problemas tan preocupantes, os partidos estatais non presentan solucións porque eles mesmos son parte do problema. Hai que apostar por alternativas distintas. Daí que as poñamos en primeiro plano no propio lema co que convocamos este Día da Patria Galega: Soberanía, Democracia e Traballo”.

Institucional