O Capitolio de La Habana

Actualmente é o edificio máis emblemático da capital cubana.
05 de Novembro, 2019 - 09:48 h. | Publicada por Radio Fene

O Capitolio de La Habana ultima a súa restauración, que agardan completar para a celebración do 500 aniversario da cidade, neste mes de novembro.

ESCOITA O PODCAST:

Escoitamos as voces de Mari, Andrés, Elvira 1 e Elvira 2

http://173.255.131.18/audio/051119CAPITOLIO.mp3

Cando te achegas semella que estás en Washington, nos EEUU, pero non. O Capitolio de La Habana ten un aire co norteamericano, si, pero tamén con San Pedro de Roma ou co Panteón de París. O edificio máis icónico actualmente da capital cubana ven someténdose a un proceso de restauración desde o ano 2010 que queren culminar antes do 16 de novembro deste ano, para o 500 aniversario da Habana. Xunto co seu veciño Centro Galego, é dos que máis sorprenderon á expedición de Redes a Cuba. O grupo viaxeiro da Tenencia de Redes tivo a sorte de ver a súa cúpula recén restaurada. Había so un mes que se destapara despois dunha importante intervención subvencionada por Rusia. Expertos arquitectos e enxeñeiros dese país saben moito de dourar metais. A cúpula do Capitolio da Habana, de 91,73 metros, tiña os cuarteróns de cobre e agora, na intervención, foron recubertos con láminas de ouro de 24 quilates. Baixo dela está o diamante que marca o kilómetro cero da cidade, unha réplica do diamante que pertenceu ao Zar Nicolás II de Rusia. Froito dun roubo en 1946, unha vez recuperado, o orixinal gárdase no Banco Central de Cuba.

A expedición aresana a La Habana realizou unha visita guiada ao emblemático edificio de máis de 200 metros de frente, que ten abertas algunhas das súas dependencias ao público. O primeiro dato que debemos saber é que o Capitolio de La Habana se constrúe no tempo record de tres anos, entre abril de 1926 e maio de 1929. Dín que custou 17 millóns de pesos, equivalentes outrora a 17 millóns de dólares. O daquela presidente da república cubana, Gerardo Machado, encargouno coa intención de albergar nel a Conferencia Panamericana que se celebraría no ano 29. Pero a finalidade última era albergar as cámaras do Congreso e o corpo lexislativo da república. Cando trunfa a revolución trinta anos despois, en 1959, dáselle outro uso. Será desde aquela a sede do Ministerio de Ciencia, Tecnoloxía e Medioambiente, así como a Academia de Ciencias de Cuba. Entre outras cousas, o espazo que albergaba o congreso está dividido en seis partes, tantas como provincias tiña Cuba, pero tras a revolución non tiña capacidade para albergar á Asamblea Nacional cubana con máis de 600 membros. Hoxe acolle xuntanzas de comisións da Asamblea Nacional.

As obras de restauración do Capitolio, o edificio máis visitado da Habana, necesitaron nos últimos anos de máis de 500 operarios e agardan ter todo listo o 16 de novembro deste ano para lucir como merece no 500 aniversario da cidade. A gran escultura da República, cal Palas Atenea de 17 metros de altura e recuberta de ouro, seguirá alí para guiarnos polo salón dos pasos perdidos.

(Imaxes de Sabela Fraguío)
Cultura

Publica o teu comentario agora