O catálogo priorizado de fármacos de Galicia volve estar en vigor

O catálogo priorizado de fármacos de Galicia volve estar en vigor

28 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

A Xunta gáñalle un asalto ao Goberno central de entre os moitos litixios que manteñen abertos polas máis diversas cuestións. Mais desta volta, trátase dunha vitoria significativa. O pleno do Tribunal Constitucional levantou a suspensión do catálogo priorizado de medicamentos aprobado polo Executivo autonómico, logo de que a norma contase co apoio no Parlamento do BNG e do Partido Popular. A coñecida como Lei de R

Para maior satisfacción da Xunta, o auto do Tribunal Constitucional alude ao aforro que a aplicación do catálogo tería conseguido nas arcas públicas durante a súa aplicación, uns "nove millóns de euros mensuais" segundo os cálculos da Consellaría de Sanidade. A cifra, segundo a Xustiza, é "suficientemente ilustrativa dos efectos que, sobre a redución da denominada factura farmacéutica e a correlativa sostenibilidade do sistema público sanitario, pode producir a aplicación da disposición agora suspendida". Indo máis aló, o Tribunal opina que o efecto é "tanto máis relevante se se toma en consideración o contexto de crise económica e financeira que está actualmente a afectar ao país".

No que atinxe a unha suposta redución da liberdade de prescrición dos facultativos, o Constitucional desbota calquera problema apoiándose na "falla de obxeccións" dende a "deontoloxía profesional" que constata un informe solicitado ao Consello Xeral de Colexios Oficiais Médicos. Asemade, rexéitase o conflito de competencias entre administracións aducido polo Goberno central e levántase a suspensión do acordo adoptado pola Xunta para aprobar a creación do catálogo. Doutra volta, o ditame despreza as alegacións da Avogacía do Estado porque non detecta que a vixencia da listaxe galega poida producir un "prexuízo aos intereses xerais".

Cómpre lembrar que o conflito xurdiu pola decisión da Xunta e do Parlamento de crear unha listaxe reducida de medicamentos subvencionables diferente ao nomenclator estatal que rexe para o conxunto das autonomías. Se ben o Ministerio de Sanidade argumentaba que se lle estaba a reducir o número de tratamentos dispoñibles aos doentes galegos, a Xunta defendía que, malia sufragar tan só medicamentos xenéricos e non marcas comerciais, o catálogo recollía todos os principios activos e posibilidades terapéuticas dispoñibles no resto do Estado.

Así as cousas, o catálogo priorizado de fármacos de Galicia volve estar en vigor e con efecto inmediato os médicos volverán receitar xenéricos por mandato legal. A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, asegurou esta tarde que a decisión do Constitucional demostra que "Galicia camiña pola senda da protección do sistema sanitario público" e que é posible preservalo se se adoptan "medidas responsables e a tempo". Asegurou que a tarefa de aforro aínda non rematou e que só por esta vía vanse poder asegurar a prestación dos servizos e a construción de e mellora de novas instalacións. Farjas resolveu que o de hoxe é un "gran día" e que os galegos pódense sentir orgullosos de dar exemplo de cara onde hai que ir na sostibilidade do sistema sanitario público.

Segundo o BNG, que apoiou no Parlamento a Lei de Racionalización do Gasto Farmacéutico, o ditame do Pleno do Alto Tribunal confirma que a medida "non poñía en perigo ningún dereito de atención sanitaria". O Partido Socialista, que se opuxo á norma na Cámara autonómica, pediu que a Consellaría de Sanidade "retire definitivamente" o catálogo e poña en marcha todas as medidas de aforro que impulsa o Ministerio de Sanidade.

Mentres, dende a patronal dos laboratorios, Farmaindustria, quérese precisar que a decisión non é aínda unha sentenza e que esta pode tardar "meses ou anos". Ademais, asegura que o levantamento da suspensión do catálogo non anticipa o contido da resolución final, amosando a súa confianza en que se recoñecerá a vulneración das competencias do Estado.

Institucional