O Centro de Información á Muller pasa a depender da Mancomunidade de Ordes

O Centro de Información á Muller pasa a depender da Mancomunidade de Ordes

16 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes asume o servizo que presta o Centro de Información á Muller (CIM), que seguirá mantendo a súa sede actual no Concello de Ordes. Acordouse así, por unanimidade, no pleno ordinario da Mancomunidade de Ordes celebrado onte mércores na cidade ordense.

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Miguel Prado Patiño, indicou que “agora que o CIM pasa a depender da Mancomunidade, manterase a sede do servizo en Ordes pero, cando falla falta, poderán desprazarse ata o Concello correspondente ou mesmo ata o domicilio da persoa”.

O horario de atención ao público será de luns a venres, de 9:00 a 15:00 horas e os luns de 15:30 horas a 20:30 horas. O persoal será o mesmo que ata o de agora vén presentando atención en Ordes, é dicir, unha directora e unha psicóloga a xornada completa e unha asesora xurídica.

O pleno da Mancomunidade tamén acordou prorrogar o Programa de Apoio á Persoa, polo que se lle presta un servizo de asesoramento psico-social aos inmigrantes e emigrantes retornados e que este ano sufrirá un forte recurte na subvención concedida para este fin.

O pasado mes de novembro, a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes recibirá unha axuda de 2.666 euros da Secretaría Xeral de Emigración para o programa de integración de inmigrantes e emigrantes retornados, que leva funcionando con éxito na comarca ordense os últimos tres anos. Unha axuda moi alonxada dos 15.000 euros recibidos nas anualidades anteriores e que puña en cuestión o futuro deste importante servizo nunha comarca, que conta cun censo de máis de 1.150 estranxeiros de case medio cento de nacionalidades distintas.

Sociedade