O CETAL e CRAEGA asinan un acordo sobre agricultura ecolóxica

O CETAL e CRAEGA asinan un acordo sobre agricultura ecolóxica

13 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL) asinou un acordo marco de colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), polo que facilitará a esta institución a a implantación dos soportes estructurais e institucionais necesarios para impulsar o desenvolvemento da agroalimentación ecolóxica, tal e como adiantou o director xeral do CETAL, Eduardo Vidal Baamonde.

A vinculación desenrolará o proxecto AGROECOL  por un período de tres anos. O presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, José Antonio Fernández Álvarez, presente no acto, agradeceu a aposta do Centro Tecnolóxico por este sector. Así mesmo trasladou que non descartan que as accións deste convenio, que inclúe colaboracións en aspectos tan diversos como a formación, a investigación, a información e a comercialización dos produtos ecolóxicos de orixe animal, se traslade máis aló das fronteiras de Galicia. Tamén se amosou convencido do beneficio que traerá para a sociedade o Plan AGROECOL.

 

 

Pola súa banda, Vidal Baamonde destacou, durante a firma, que a produción concentrarase nos alimentos nos que predomina a produción de ecolóxicos animais. “Falamos da produción de carne, tanto de vacún, como porcina e ovina; da produción de ovos; de leite e outros produtos lácteos; e da produción de mel. Os produtos ecolóxicos de orixe vexetal teñen máis significación social, sobre todo en autonomías onde a produción de hortalizas e froitos é maioritaria”, dixo Vidal Baamonde.

 

En relación aos consumidores destes produtos, o director do CETAL sinalou que aínda queda moito por facer. “Non existe un apoio ben definido a este sector, polo que o consumidor non está sempre correctamente informado das propiedades destes alimentos”.

 

O responsable vilalbés informou de que o 2 e 3 de decembro se organizarán as “Xornadas sobre a comercialización de produtos ecolóxicos de orixe animal” nas que se “intentará, mediante técnicos e profesionais deste eido, e diversos análises e estudos, diagnosticar que falla no proceso de comercialización dos ecolóxicos de orixe animal, para poder vertebrar e aplicar posibles plans de acción que den un pulo comercial definitivo a este sector”.

 

Este evento, que terá lugar no salón de actos da Deputación provincial de Lugo, reunirá a representantes da administración estatal, autonómica e local. Tamén a técnicos e especialistas chegados de todo Estado e mesmo de Europa. As xornadas versarán sobre a relación entre os produtos ecolóxicos de orixe animal e os seus consumidores.

Sociedade