O CETAL finalizará mañá o proceso de selección de persoal

O CETAL finalizará mañá o proceso de selección de persoal

30 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL) publicará mañá a resolución definitiva da selección de persoal que se ven facendo na se da Fundación desde o pasado venres 17 de xullo. 

Os 30 elixidos para pasar a última das probas, un test de personalidade saberán quenes son os tres elixidos para desempeñar os cargos de responsable administrativo financeiro, de técnico do departamento de servizos tecnolóxicos e de técnico en  I+D+i. Será na segunda quincena de agosto cando se procederá á adxudicación destas prazas.

 

 

Sobre o propio proceso, o director da institución lucense, Eduardo Vidal, destacou a gran cualificación dos participantes. “Estamos moi agradecidos de que xente tan preparada, con tan bos currículos e con tanta experiencia quixeran participar no proceso de selección de persoal do CETAL. Tan só basta darlle unha ollada aos expedientes para comprobar a calidade e os méritos de todos os profesionais que se achegaron e interesaron polas nosas ofertas. Evidentemente non é doado escoller, pero ao final só tres serán as persoas elixidas para ocupar os cargos ofertados”, explicou.

 

Como curiosidade, o director xeral do centro aludiu a que mesmo xente que vive fóra, non só de Galicia, senón de España, se presentou ao proceso de selección. “Non cabe dúbida que hoxe por hoxe contamos no noso país, e a nivel estatal tamén, con homes e mulleres cun alto nivel de formación, preparados e sobre todo aptos para un excelente desempeño de postos relacionados con temas financeiros, de investigación, entre outros. Isto, -incidiu o vilalbés-, aportaranos, como CETAL e especialmente pola tarefa que desempeñamos coma Fundación dentro do sector agroalimentario, as ferramentas necesarias para darlle o pulo definitivo ao desenvolvemento das empresas deste ámbito e á mellora da súa competitividade”, asegurou.

 

“Estes profesionais serán unha peza clave, xunto co actual equipo do CETAL, para continuar coa nosa misión de xermolar proxectos innovadores que aporten solucións aos problemas do sector”, dixo Vidal Baamonde.

Sociedade