O Chanfaina suma 180 pezas

O Chanfaina suma 180 pezas
17 de Febreiro, 2020 - 11:31 h. | Publicada por Radio Fene

Nesta VI edición do Chanfaina Lab, arredor do 70% das curtas son de veciños e veciñas da localidade, mozas desde os 14 anos ata máis de 80. Secundino García anunciou que haberá sétima edición do Chanfaina Lab. A partir do venres que vén poderemos velas na canle de youtube de Fálame de San Sadurniño.

O  alcalde de San Sadurniño referiuse ao Chanfaina como "un evento consolidado" que non é un concurso, todos son premiados, todas as persoas que participan teñen premio, todas as pezas son gañadoras. Contando coas da presente edición, o encontro audiovisual atesoura máis de 180 pezas e 100.000 visualizacións en youtube producidas polo mellor do audiovisual galego. Secundino García lembrou nomes que participaron en anteriores edicións, coma o de  Alfonso Zarauza, Sonia Méndez, Alberte Branco ou Óliver Laxe, entre outros, pero tamén se referiu á "xente de aquí de San Sadurniño" que deixou a un lado "o medo e a vergoña" e decidiron coller unha cámara e gravar a súa peza. De feito, este ano "arredor do 70% das curtas son de veciños e veciñas nosas, mozas desde os 14 anos ata máis de 80". O rexedor insistiu neste aspecto, destacando que "o que nos enche de orgullo" é precisamente "a convivencia dos nosos veciños e veciñas con persoas consagradas do cinema galego" das que, segundo o alcalde "saen propostas moi interesantes".

Os mestres da cerimonia foron o actor Miguel de Lira e a ex-concelleira Sabela Cinza, (na imaxe de César Galdo) Eles foron dándo paso con moito humor ás presentacións de todas as realizadoras e realizadores. Trinta curtametraxes con  dous descansos polo medio co obxectivo de alixeirar a maratón que discurríu segundo esta orde narrativa; o experimental, o documental, a ficción ou mesmo todo o anterior xunto nunha mesma curta.

O apartado documental tocárono André Couce con "Fabricando soños", no que lle rende homenaxe a Manolo Seco, promotor do volei local. Por este formato tamén tirou Luís Avilés mostrando a peripecia vital de Mbemba, inmigrante africano que hoxe é veciño noso despois de residir en Cataluña. Noemi Caneiro -unha das participantes máis novas- apostou por poñer os seus avós diante da cámara para contar en "A través do tempo" a historia e o presente das escolas indianas de Ferreira. Neste apartado encádrase de novo Abel Vega, un habitual do Chanfaina que desta vez pousa a súa mirada sobre a complexidade social dun niño de avespas. Pechan o formato documental desta edición  as pezas de María Yáñez "Apuntamentos para un filme sobre Cantareliña" (cita musical na que ela mesma participou) e "Aquilino das Seixas", dirixido por Antón Rodríguez, que recupera a figura deste "gaiteiro" que "viviu" en Naraío hai máis de medio século, ao tempo que aproveita para homenaxear ás persoas que traballan a prol da recuperación da cultura e da tradición.

En comparación con anteriores edicións, na presente perdeu peso específico a creación experimental, aínda que segue tendo o seu protagonismo per se ou como parte doutras narrativas. Sara Alonso expresou a súa carraxe e frustración en "Cólera" despois de ter que deixar o proxecto que tiña previsto facer inicialmente. Fabián Ameneiros e Noelia Uceira achegaron dúas curtas, a humorística "Relato vial" e a conceptual "Tempo", esta última centrada precisamente no devir da vida. Sobre memoria e desapego do material, pero tamén do material como referente do recordo, faláronnos Lucía Pan e Luis Castro en "As cousas son só cousas". Ana Martínez -outra das creadoras mozas- tirou das paisaxes agrestes para construír poesía visual. A conexión coa natureza e o seu potencial catártico sobre as nubes da alma é o tema principal de "Alí sentíame eterna", de Aldara Pagán, mentres que Manolo Abad recorre en "Eva" ao xénero epistolar para contar "unha extraña historia de amor", tal e como el mesmo comentou na mensaxe en vídeo que se proxectou este serán.

A medio camiño entre o experimental e a ficción atopamos dúas curtas difíciles de encadrar en calquera dos dous apartados, aínda que asentarían ben en calquera deles. Unha é "Limiar", de Fran X. Rodríguez, que mostra cunha fotografía exquisita unha pequena reflexión sobre os distintos cambios nas etapas da vida. A outra é "Un ninguén máis", de Ángela Arnosa. A realizadora de Naraío participou no chanfaina por primeira vez o ano pasado, e neste repite cunha peza sobre o sentimento de monotonía e de falla de perspectivas dun mozo dentro da sociedade actual. Nesta segunda curtametraxe, Arnosa dá un salto cualitativo en canto a narración e construción visual, cunha peza moi meditada, complexa na súa estrutura e tamén nas mensaxes que transmite. A evolución da creadora -que ademais é científica, actriz e poeta- nótase tamén noutros participantes locais e de aí que este Chanfaina se poida entender como o da madureza do audiovisual local.

Eloy Arnosa -con axuda da súa irmá e do omnipresente Kevin Lorenzo- fixo en "A Casa soñada" unha parodia sobre os docu-realitys nos que se amañan vivendas, cun guión cargado de humor e que lle deu pé a el mesmo para descubrirse como un excelente actor. Nesta curtametraxe prodúcese un curioso crossover de Lina, a cadela que protagoniza a peza "Trae!", de Fran Bermúdez. O autor da Lobeira levou a imaxes a obsesión do animal coa súa pelota de goma. Foi unha das obras máis sorprendentes do Chanfaina por varias razóns: pola súa calidade técnica, polo seu ritmo narrativo, por atreverse a ter de actriz á cadela e, máis que nada, polo orixinal da historia e o ben que lle quedou o resultado.

Tamén complexo na súa trama e ben resolto como thriller asistimos a "O roubo da droja II, camiño da vinganza", do colectivo Narahío Media. Esta peza é a continuación, case 25 anos despois, daqueloutro "O Roubo da droja" filmado na parroquia por catro amigos durante unha tarde de aburrimento. O filme ten acción, violencia, vinganzas... e un final inesperado.

Máis novos e novas en idade son o grupo formado por Iago LouridoCatalina RodríguezPablo Martínez e os irmáns Joám e Noa Cortizas. Colaboraron uns cos outros para faceren as súas curtametraxes e desa axuda mútua saíron cousas tan curiosas como "Cando roxe o formigueiro 2.0", de Iago Lourido, -parodia dos programas de entrevistas e telerrealidade-, "As aventuras de Marcelino e Clemente", de Catalina Rodríguez, inspiradas no filme "A vida de Pi" e, por último, "Xoel e Sancho Yoda", onde Pablo Martínez trae ao noso tempo as andanzas do Quixote  nunha trama poboada de referencias ao anime, os videoxogos e á banda deseñada. Precisamente de banda deseñada é a curta "As landras", de Ana Lamas. Trátase dun conto infantil de imaxe fixa -con fotografía de Gabriel Tizón- protagonizado por bonecos feitos con este froito de carballos e aciñeiras vivindo unha aventura na que se enfrontan ás invasións de eucalipto.

As ficcións puras do Chanfaina Lab estiveron presididas practicamente todas polo humor. En "Curmáns", o director Javier Seoane -outro dos fixos do encontro audiovisual- propón un falso documental para contar as friccións entre parentes durante unha fin de semana de reencontro. A peza protagonízana, ademais do propio Seoane e Kevin Lorenzo, as mulleres de Teño unha horta..., quen rubricaron "Decides que o matrimonio...". Neste caso tiran da retranca e dos versos de Rosalía para contar como era antigamente a convivencia en matrimonio que, tal e como dixo Maruxa da Laxe, "por sorte agora xa non é para toda a vida".

Ao pasado leváronnos tamén Ana Moreiras e Susana Diz, do colectivo Olloboi. Na súa peza "Casa Torina" a ficción transcorre na mítica taberna ultramarinos do Outeiro, convertida nunha vítima máis da globalización e diso que agora se chama "a España baleirada, a Galicia baleirada", dixo Moreiras, coa que desaparecen as xentes e moitos microcosmos culturais.

Na liña de recuperar a memoria colectiva este serán puidemos ver, ademais, "A Marquesa e o Pazo", de Anxo Santomil. Unha obra de arte que bota man da tecnoloxía dixital -e de grande habilidade no seu manexo- para animar antigas fotografías de María Natividad Quindós y Villarroel e da súa morada de verán en distintos momentos do primeiro tercio do século XX, cando o pazo estaba no seu maior esplendor e era lugar visitado por numerosas personalidades da época.

Exemplos das posibilidades narrativas da imaxe de síntese presentáronos tamén Bieito Beceiro con "Reparacións interdimensionais" -unha animación 3D combinada con escenas reais- e Roberto Bouza, quen introduciu perigosos dinosauros virtuais na paisaxe de San Sadurniño, nun filme titulado "Monte xurásico".

A última curta da que debemos falar é "Que pasou?" de The Sungirls. Deixámola para o final non porque fose a última en proxectarse, senón porque se trata dun videoclip, o único de toda a tarde. Mónica CibreiroGraciela Galdo e Olga Vigo estreáronse en youtube cun vídeo protagonizado por elas mesmas cantando en playback temas moi coñecidos dentro dun coche. Para este Chanfaina Lab volveron facelo, pero en vez delas, son varias veciñas e veciños de San Sadurniño quen ocupan o seu lugar para repasar grandes éxitos da música galega dos últimos corenta anos.

A partir do venres que vén poderemos velas na canle de youtube de Fálame de San Sadurniño estreadas a razón de unha por semana, ademais de que moitas delas estarán presentes en festivais de ámbito estatal e internacional.

 

Cultura

Comentarios

Quando Il Viagra Non Basta [url=http://apcialisle.com/#]Cialis[/url] Cialis Farmaco Etico <a href=http://apcialisle.com/#>Cialis</a> Cialis Y Deporte
Nome: 
EllFupeKC

Publica o teu comentario agora