O cine Adriano daba un bo café concerto

O director de La sombra de la ley estudou a posibilidade de usar o cine Adriano na súa última película
19 de Outubro, 2018 - 02:30 h. | Publicada por Radio Fene

Despois de "El desconocido" o director monfortino, Dani de la Torre, regresa con "La sombra de la ley" producida por Vaca Films. Xa está nos cines.

Dani de la Torre de visita no cine Adriano

Dende hai unha semana podemos ver nas salas de cine a película producida por Vaca Films "La sombra dde la ley" do director Dani de la Torre. Unha película que nos transporta á Barcelona no ano 1921. Unha historia situada entre a Semana Tráxica de Barcelona(1909) e a dictadura de Miguel Primo de Rivera (1923). Vívese un momento axitado e caótico, froito dos violentos enfrontamentos entre policías e anarquistas. O gansterismo e os negocios ilegais están instalados na sociedade. O policia Aníbal Uriarte, é enviado a Barcelona para colaborar coa comisaría local de policía na detención dos culpables do roubo a un tren militar. Alí atópase co inspector Rediú, un superior corrupto. Aníbal entrará en contacto non só cos baixos fondos da sociedade barcelonesa, entre eles, cun Barón alemán, un mafioso con importantes conexións, senón tamén co mundo anarquista liderado polo anarquista Salvador Seguí - o noi del sucre-. Tamén está Sara, feminista e anarquista.

Luis Tosar, Michelle Jenner, Vicente Romero, Ernesto Alterio, Paco Tous, Pep Tosar e Manolo Solo, encabezan o reparto deste thriller ambientado na Barcelona. A ambientación é precisamente un dos puntais deste filme de acción, con escenarios galegos dificilmente recoñecibles. Santiago, Lugo, A Coruña, aparecen como telón de fondo deste thriller que semella unha de gansters con selo de Hollywood.

Pero o que queremos destacar é o que puido ser e non foi, que as secuencias do café- concerto barcelonés, rodadas finalmente no Liceo de Lugo, poideronse ter feito no cine Adriano de Barallobre. A productora e o propio director visitaron o cine fenés hai dous anos, en novembro de 2016, cando barallaban esa posibilidade que finalmente non prosperou. Ata seis veces estiveron no Adriano amosando moito interese polo local. Mágoa, outra vez será.

Cultura

Publica o teu comentario agora