O circuíto de A Pastoriza acolle a primeira proba do Challenge de Cross Country o sábado 22 de maio

O circuíto de A Pastoriza acolle a primeira proba do Challenge de Cross Country o sábado 22 de maio

18 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O ruído dos motores, a habilidade dos pilotos e os fermosos carenados das motos de enduro tomarán os montes de Saldanxe e de A Pastoriza, na primeira proba puntuable do Challenge de Cross Country que se organiza neste Concello Chairego. A cita partirá do circuíto de karting da vila lucense contra as 12.30 da mañá do sábado 22 de maio e celebrará dúas mangas de 15 quilómetros por un circuíto polas fragas do municipio. O evento prese

A inscrición para poder participar está xa pechada e contará cuns 30 pilotos que deberán comparecer nas instalacións da vila chairega contra as 9.15 da mañá para os controis e verificacións técnicas, que durarán ata as 11.15 horas. Posteriormente, contra as 12.30  dará comezo a primeira das mangas, que terá unha hora de duración aproximada, que será o tempo que lle levará aos participantes percorrer o circuíto de 15 quilómetros entre o circuíto de karts e os montes de A Pastoriza e Saldanxe. Ademais, desde a organización informouse de que se habilitará unha zona especial para o público nos arredores do circuíto, con obstáculos e dificultades que terán que pasar os motoristas e que será “moi espectacular”. Xa para a tarde, a partir das 16.00 horas, quedará a segunda manga. A entrega de premios será ás 18.00 horas.

 

Antón Bao, vicepresidente primeiro e responsable da área de Cultura e Deportes da Deputación, amosouse esperanzado de que “probas como a que se levará adiante o fin de semana en A Pastoriza sexan un primeiro paso para que estas disciplinas deportivas, como o caso do  Cross Country, avancen na provincia de Lugo e en Galicia”. Ademais, o responsable provincial falou da importancia de “consolidar o deporte no motor en Lugo, porque ten moitísimos seguidores, por iso estamos a apoiar e desenvolver eventos que contan cunha gran participación, tanto de pilotos como de público, para que teñan unha boa penetración na poboación e poidan ter un bo futuro”.
   
Pola súa banda, Elba Carreira, primeira tenente de alcalde de A Pastoriza, manifestou a súa ledicia “por ter unha proba destas características no noso concello, porque pensamos que non todo é fútbol, hai que diversificar os deportes nos concellos, e  competicións coma estas son unha excelente oportunidade”. A edil do BNG non se esqueceu de agradecer a axuda da deputación, “por traer eventos coma este , ademais de apoiar a construción do noso campo de fútbol e da piscina, que acaba de comezar as súas obras”.

O principal organizador e presidente do club HP, Carlos Zapata, afirmou que “esta  competición está pensada para que poidan participar aqueles que son mais profesionais e buscan facer bos tempos e ter unha gran clasificacións e os que  o que queren e pasar unha boa xornada de motociclismo con toda a seguridade e organización  para non ter que pensar en nada mais que desfrutar da actividade e a paisaxe”. O propio Zapata cifrou en 30 o número de participantes na proba.

Por último, o responsable do circuíto chairego, Antonio Solozano, admitiu que estiveron “sempre abertos a apoiar esta competición, porque pensamos que é importante para promover os deportes do motor, polo que é bo para todos, para o circuíto para o Club HP, a Deputación e o Concello”.
 

Deportes