O Concello de Fene celebra “trinta e un anos de éxito democrático”

O Concello de Fene celebra “trinta e un anos de éxito democrático”

05 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Concelleiros e concelleiras do Partido Socialista, Partido Popular e Esquerda Unida de Fene reuníronse onte á tarde na Casa do Concello para conmemorar o Día da Constitución. Nun acto sinxelo, e arroupados por numerosos veciños e veciñas, representantes dos tres grupos municipais coincidiron en salientar o valor da Carta Magna aprobada no ano 1978.

“Por riba das diferenzas ideolóxicas, o Día da Constitución debe servir para celebrar trinta e un anos de éxito democrático e de liberdade dos veciños e veciñas”, asegurou o alcalde de Fene, Iván Puentes.

 Para o concelleiro do Partido Popular, Juan José Franco, “ a Constitución é algo bo para todos, é o que nos une e permite que teñamos democracia e liberdade, aínda que moitas veces non o valoremos”.

 Máis crítico foi o voceiro do grupo municipal de Esquerda Unida. Aínda recoñecendo o valor da Carta Magna, Manuel Sánchez asegurou que “a Constitución pode ir máis lonxe do que nela vemos” e puxo como exemplo a necesidade de que se aplique o artigo 31.1 como solución á actual crise económica.

 Non faltaron neste acto as alusións aos concelleiros e concelleiras do BNG por non participar na conmemoración do Día da Constitución, e unha pequena lembranza –e un minuto de silencio- para recordar a un dos pais da Constitución Española, Jordi Solé Tura, que faleceu no día de onte.

 

Sociedade