O Concello de Fene devolve unha subvención para o Museo do Humor

O Concello de Fene devolve unha subvención para o Museo do Humor

20 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene devolveu á Deputación da Coruña preto de 8000 euros procedentes dunha subvención para equipamento do Museo do Humor, segundo denuncia o Bloque Nacionalista Galego.

O BNG afirma que a concellería de Cultura decidiu renunciar voluntariamente a unha axuda de 7.999 euros porque considerou prioritario xustificar outras dúas subvencións concedidas polo ente provincial para o seu departamento. A Concellería de Cultura afirma que se investiu parte da subvención en mesas e cadeiras, un televisor con equipo audiovisual e un computador portátil. Porén, unhas pantallas táctiles e un sistema antirroubo para os que se solicitara a subvención no se chegaron a mercar, sendo polo tanto imposible a xustificación do gasto, segundo salientan os nacionalistas.

Segundo o BNG, o Museo do Humor de Fene conta con carencias de iluminación e equipamento, así como de praza de xestor, invalidada polo actual goberno trala xubilación do anterior. Porén, existen varios proxectos para relanzar a instalación e utilizala como elemento de dinamización pedagóxica e cultural, así como de captación de turismo. O BNG denuncia que o Museo se atopa “practicamente abandonado e pechado a maior parte da semana”.  

Institucional