O Concello de Ferrol renova o convenio de colaboración coa Cociña Económica

O Concello de Ferrol renova o convenio de colaboración coa Cociña Económica

20 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, desprazouse esta mañá ás instalacións da Cociña Económica, emprazadas no barrio da Magdalena, para renovar o convenio de colaboración que a Administración local mantén con esta  entidade social, cuxa función é a de ofrecer menús quentes tanto na súa sede social como a domicilio a aquelas persoas con menos recursos económicos ou en risco d

O acordo asinado hoxe polo rexedor ferrolán ten como obxecto sufragar unha parte da contía total dos menús que a Cociña Económica dispensa aos seus usuarios. Asemade, a Administración local financiará un total de 36 racións (bolsas de comida) para o consumo a domicilio daquelas persoas que teñen menores ao seu cargo, coa finalidade de garantirlles unha alimentación axeitada sen necesidade de que acudan persoalmente ao comedor.

Neste senso, o primeiro edil da cidade subliñaba a importancia do servizo que presta a Cociña Económica, máis aínda  no actual contexto económico. Neste sentido, apuntou que a crise segue a golpear con forza á poboación, como se pon de manifesto no incremento no número de usuarios/as desta institución que se ven producindo nos últimos tempos. De feito, no que levamos de ano a media de persoas que acudiron diariamente á Cociña Económica foi de 200, fronte a media de 160 rexistrada durante todo o exercicio anterior.

“Esta institución está a xogar un papel fundamental como consecuencia do aumento do número de usuarios – sinalaba Rey esta mañá -  Por iso é unha prioridade apoiar a institucións como estas que desde hai moitos anos, pero de xeito moi particular neste momento, están axudando aos máis desfavorecidos”. Nesta liña, o primeiro edil da cidade avanzaba a intención do goberno local de incrementar a achega económica do convenio para o vindeiro ano. “A situación económica é a que é pero hai moitos gastos que podemos recortar antes que aqueles destinados a atender ás persoas que peor o están pasando – declaraba, ao tempo que reiteraba o compromiso do seu goberno de dedicar os importes obtidos tras os axustes realizados ao Benestar Social. “Neste momento Ferrol recortou gastos en aquelas cuestións que non afectan ao cidadán. Temos o goberno máis barato e con menos asesores que nunca  pero estas medidas teñen que permitir non só que garantamos a continuidade de convenios como este senón que os incrementemos cos recursos que estamos aforrando”, insistiu. 

Pola súa banda, Antonio Tostado, presidente da entidade benéfica, agradecía ao Concello de Ferrol o “seu apoio continuo e o seu compromiso coa Cociña Económica” e aseguraba que “estamos dispostos a dar o 100% do noso esforzo e posibilidades para amortiguar os efectos que esta crise provoca no benestar da xente”.  Asemade, sinalaba o aumento paulatino do número de usuarios deste servizo, de  maneira que nos últimos 4 anos se pasaba dunha media de 80 persoas ao día ás 200 actuais.  Ante este aumento  no número de usuarios, a directiva da entidade acordaba no mes de decembro de 2010 ampliar o horario do comedor, que dende entón funciona dende as 12.30 horas ata as 14.30. E, ao fío, se refería á variación do perfil das persoas que comen na Cociña Económica. Xa non só  persoas sen teito ou transeúntes, senón que no último ano aumentou o número de familias normalizadas e integradas na sociedade que utilizan este recurso ao quedarse sen emprego e ter rematado os períodos de prestacións subsidiadas.

Sociedade