O Concello de Ferrol saca a contratación as obras para acabar a superficie da Praza de España na súa totalidade

O Concello de Ferrol saca a contratación as obras para acabar a superficie da Praza de España na súa totalidade

05 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O alcalde, Vicente Irisarri, anunciou esta mañá que o goberno municipal vén de sacar a contratación as obras necesarias para rematar a superficie da Praza de España. A intervención conta cun orzamento base de licitación de 718.897,99 euros e prazo de execución de tres meses sobre un ámbito duns 1.200 metros cadrados.

A actuación contempla o remate dos pavimentos na superficie baixo a que se situará o futuro centro deportivo así como a colocación de arbolado, mobiliario urbano e iluminación. Tamén se completará a rede viaria para vehículos de emerxencia e servizos e se actuará nos tres accesos ao futuro centro (dúas saídas de emerxencia e  unha entrada), forraranse as columnas –antigos pilares do fracasado edificio de 21 metros- e se instalará a fonte coa que se recuperará a traza da muralla antiga.

A obra levarase a cabo despois de que o concurso para adxudicar a construcción e explotación do gran centro deportivo no seu subsolo non prosperara. Agora, o goberno local saca a contratación os traballos para rematar por completo a superficie. Contratación que hoxe sae publicada no Perfil do Contratante (www.ferrol.es) a fin de que dende mañá mesmo as empresas interesadas poidan presentar a súa oferta ao concurso. O prazo para facelo remata o día 20 e o lugar é o Rexistro Xeral do Concello.  

Segundo o concelleiro de Urbanismo de Ferrol, Angel Mato, a actuación proxectada permitirá resolver a totalidade da superficie e finalizar unha obra hoxe incompleta, permitindo que a Praza de España actúe de nodo de circulación peonil e eixo vertebrador dos Ensanches, Recimil e A Magdalena. Así mesmo, Angel Mato apuntou que a pavimentación se realizará ata o punto de non condicionar a obra posterior relativa ao subsolo. Trátase de darlle unha solución provisional para non comprometer a futura construcción do centro deportivo, tal e como explicou.

Sociedade