O Concello de Outeiro de Rei súmase ao manifesto “Galiza ten dereito”

O Concello de Outeiro de Rei súmase ao manifesto “Galiza ten dereito”

04 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O voceiro do BNG no municipio chairego, Arcadio Lombao, argumentou na defensa da súa postura en favor do texto que “o proceso de reordenación bancaria que estamos a presenciar, impulsado polo Banco de España e o Goberno Central, conleva o risco de que Galicia perda as súas caixas de aforro pola deslocalización dos seus centros de decisión, e que estas entidades de carácter social se transformen en entidades financeiras privadas”.

 

Desde o partido nacionalista afírmase que “o Parlamento galego aprobou por ampla maioría unha reforma da Lei de Caixas que reforza as facultades do autogoberno para defender o sistema financeiro propio e supervisar a actuación das caixas, garantindo que estas entidades sexan as bases do desenvolvemento da economía produtiva do País”.

 

Lombao referiuse tamén ao recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno Central o que conleva “a paralización da súa aplicación nun momento decisivo, o que pode colocalas na situación idónea para que sexan absorbidas por entidades foráneas”.

 

A postura de defensa da posible fusión das dúas caixas galegas, Caixanova e Caixa Galicia, é un feito no BNG de Outeiro de Rei, posto que de non levarse adiante “Galicia ficaría sen sistema financeiro propio, perdendo un dos principais instrumentos para o seu desenvolvemento económico”. Por esta razón, segundo explicou Arcadio Lombao, o grupo municipal nacionalista  asinou manifesto, “coa vontade de reivindicar desde as institucións o dereito do noso País a ter un sistema financeiro eficiente ao servizo dos galegos e galegas, propiciando a fusión das caixas galegas sen que o Estado poña trabas e si respecte en todo momento o autogoberno galego”.

Sociedade