O Concello de Vilalba acolle a actuación do guitarrista Rubén Abel Pazos, incluida dentro do programa Via Stellae 2009

O Concello de Vilalba acolle a actuación do guitarrista Rubén Abel Pazos, incluida dentro do programa Via Stellae 2009

15 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Vilalba acollerá un dos concertos do Via Stellae 2009. O guitarrista estradense Rubén Abel Pazos fará un repaso dos grandes mestres españois da guitarra, e tamén interpretará diferentes obras de Johann Sebastian Bach o vindeiro sábado 18 de xullo, na Igrexa de Santa María.

Baixo o título “Estéticas en seis cordas” , Rubén Abel Pazos tocará obras de tres autores españois de distintas épocas, como Sor, do primeiro terzo do século XIX, Tárrega, da segunda metade do XIX e do Mestre Rodrigo, ademais de composicións do gran mestre barroco Johann Sebastian Bach.

 

 

Do músico alemán se poderá escoitar a transcrición para guitarra da súa Primeira suite para laúde. En canto á música española, do barcelonés Fernando Sor, que desenvolveu unha carreira de gran éxito como compositor, intérprete e profesor, Pazos interpretará a súa Fantasía elexíaca. De Francisco Tárrega, concertista e compositor castellonense, o guitarrista galego escolleu a súa inspiración da Fantasía sobre motivos da Traviata. O concerto rematará con Joaquín Rodrigo e a súa Tres pezas españolas para guitarra, composición de inspiración popular que inclúe tres danzas tan típicas do folclore hispano como o fandango, o pasarrúa e o zapateado.

 

Rubén Abel Pazos é un músico de A estrada que  realizou os seus estudos superiores de guitarra en Santiago de Compostela. Ao tempo que realizaba cursos de perfeccionamento, foi premiado en diferentes concursos internacionais e festivais (entre os que destacan o de Novos Intérpretes de Xuventudes Musicais de España, o de Cantabria, o Concurso César Aira de León ou, en Italia, o de Moisycos). Realizou ademais cursos de posgrao no Mozarteum de Salzburgo e actuou xa en numerosos países como Francia, Italia, Xapón, Rusia ou Tailanda.

 

Programa para o venres 17 de xullo

 

O vindeiro venres 17 de xullo, na Praza de Sta. Maria, está programada a actividade “A Caixiña dos Mistos”, que son sesións de cinema infantil para idades comprendidas entre 0 e 14 anos, con diferentes franxas de idade. A duración das sesións vai en función dos filmes a proxectar, a duración media está entre 10 e 20 minutos. A caixiña dos mistos ten unha capacidade para 15 persoas entre pais e nenos.

Cultura