O Concello e o comercio contra a violencia machista

O Concello e o comercio contra a violencia machista
18 de Setembro, 2020 - 01:53 h. | Publicada por Radio Fene

A Concellaría de Benestar e Igualdade de Fene acaba de poñer en marcha a campaña "Distintivo violeta. Fene tece igualdade" no que se quere implicar a todos os negocios do municipio e, por extensión, tamén a outros axentes sociais e ao resto da veciñanza. A iniciativa pretende unir forzas na defensa da igualdade de xénero e, ao mesmo tempo, promocionar aqueles establecementos que se sumen a ela. O Concello proporcionaralles material de difusión e, ademais, pídelles que apliquen no seu día a día o decálogo da campaña. Para iso só terán que contactar coa asociación comercial e hostaleira O Cruceiro ou ben co departamento de Servizos Sociais no teléfono 696 892 879 ou no correo fenevioleta@gmail.com.

Os comercios, restaurantes, bares ou locais que se adhiran obterán o "Distintivo Violeta", que vén sendo un selo en recoñecemento ao seu compromiso coa igualdade e contra as violencias de xénero.  Este distintivo terá unha forma de adhesivo para colocalo ben á vista en escaparates ou expositores.

Ademais, todos os establecementos que se sumen á proposta  entrarán nun mapa ao que posteriormente se lle dará difusión desde o Concello.  A cambio, os establecementos unicamente terán que comprometerse coa posta en práctica de dez medidas moi sinxelas no trato diario coa súa clientela

  • Empregar unha linguaxe inclusiva en toda a información que teña que ver coa actividade.

  • Transmitir unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes.

  • Non reproducir imaxes ou contidos sexistas ou que minusvaloren ás mulleres.

  • Rexeitar a violencia de xénero a través da posta en marcha de medidas para a súa prevención e denuncia.

  • Atenderlle ás recomendacións de boas prácticas en materia de igualdade de xénero promovidas polo Concello de Fene.

  • Aproveitar as accións formativas sobre igualdade que organice o Concello dentro da campaña.

  • Difundir no establecemento, nas súas redes sociais e noutros soportes de comunicación os materiais de promoción de #FeneVioleta.

  • Prestarlle colaboración ao departamento de Benestar e Igualdade en todo o que teña que ver coa iniciativa.

  • Participar nos actos promovidos co gallo do 25 de novembro -Día da eliminación da violencia contra da Muller- e do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

  • E, por último, implicarse no posible en todas as accións desenvolvidas polo Concello a prol da igualdade e contra a violencia machista.

A Concellaría de Benestar e Igualdade convida a que se sumen á campaña tanto os negocios con atención ao público constante -comercios, bares, restaurantes, etc.- como aqueloutros que atenden en mostrador de maneira máis puntual -negocios de servizos, empresas sen local de venda específico...-. Incluso se solicita a participación das asociacións e outras entidades comprometéndose coa mensaxe e dándolle a máxima difusión, algo que tamén se pode facer nas redes sociais co pechacancelas #FeneVioleta. 

A iniciativa conta con financiamento do Ministerio de Igualdade, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

 

 
Sociedade

Publica o teu comentario agora