O concello está aí para axudar

O concello está aí para axudar
02 de Abril, 2020 - 10:19 h. | Publicada por Radio Fene

O alcalde de Valdoviño preocúpase de que a veciñanza saiba que, máis que nunca, o concello está aí para axudalos.  Creou unha liña telefónica de apoio psicolóxico.

ESCOITA O PODCAST:

Unha das preocupación do alcalde de Valdoviño é que, mentres dure esta crise, a veciñanza non se sinta soa que saiba que o concello, máis que nunca,  está aí para o que precisen. Así é que algunhas das iniciativas levadas a acabo pola administración local van nesa dirección, por exemplo a creación dunha liña telefónica de apoio psicolóxico. Detrás está un profesional que escoita porque, segundo informou esta mañá o alcalde, o encerro e a convivencia as 24 horas do día poden provocar situacións problemáticas. Alberto González confirmou a Radio Fene que si tivo demanda.

González afirma que teñen sorte porque están nun concello con moita zona rural. A dispersión da poboación nos 90 quilómetros cadrados que ocupa Valdoviño fixo que se abrira outra iniciativa de colaboración cidadá que consiste en detectar persoas que puideran ter algún problema, do tipo que sexa, e que non se comunican. Se os veciños perciben algo só teñen que comunicalo ao concello para que actúen os servizos sociais.

Protección Civil de Valdoviño celebra cos nenos e nenas os seus aniversarios cunha caravana automobilística. Foi idea dun concelleiro, en palabras de Alberto González, porque para calquera neno é moi importante o seu aniversario e máis nestas circunstancias. Valdoviño ten suspendidas desde o día 12 de marzo todas as actividades culturais e deportivas municipais e todos os obradoiros pero os monitores intentan desde a casa seguir propoñendo actividades ao alumnado, na medida do posible. Mágoa ter que suspender a Gala do Deporte pero xa haberá outro día.

O alcalde explícanos que mañá venres día 3 de abril celebrarán o pleno ordinario porque deben aprobar a liquidación do ano pasado e reformar unha ordenanza municipal, nada relevante pero o alcalde quere intercambiar co resto da corporación novas propostas diante da situación de alarma sanitaria. Aclara Alberto González que será un pleno presencial cumprindo co protocolo de seguridade. Os edís sentarán no sitio do público a unha distancia superior aos dous metros entre eles. González despídenos cunha mensaxe de ánimo e tranquilidade, e o agradecemento á xente que cumpre co lema “Queda na casa”.

Institucional

Publica o teu comentario agora