O Conselleiro do Medio Rural visita a Serra do Forgoselo

O Conselleiro do Medio Rural visita a Serra do Forgoselo

22 de Agosto, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Conselleiro do Medio Rural visitou a explotación silvopastoral promovida pola “Asociación de Veciños do Monte Forgoselo”, unha mostra do equilibrio entre os usos tradicionais e a protección da natureza nun espazo da Rede Natura. Juarez subliña a compatibilidade entre o desenvovlemento económico e o respecto ao entorno na Serra do Forgoselo. Realizou estas manifestacións no transcurso da visita que realizou hoxe á Serra de Forgoselo, o

Nesta visita, o titular de Medio Rural estivo acompañado polo presidente da Asociación de Veciños do Monte Forgoselo, Manuel Fernández Vilar; a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén Do Campo Piñeiro; e polos directores xerais de Produción Agropecuaria, Montes e Conservación da Natureza, José Álvarez Robledo, Tomás Fernández-Couto e Ricardo García-Borregón, respectivamente.

O monte Forgoselo esténdese sobre a serra do mesmo nome, situada entre os termos municipais da Capela, As pontes de García Rodríguez e San Sadurniño, na provincia da Coruña. A superficie total do monte é de 1.407,53 ha, das cales un 72% (1.004,85 ha) están incluídas dentro do espazo protexido Rede Natura 2000 Xubia-Castro, situado ao Norte do Parque Natural das Fraguas do Eume, e declarado zona de especial protección dos valores naturais.

Explotación sostible
O monte Forgoselo conta cun Plan de Xestión impulsado por esta Asociación e que autorizou a Consellería do Medio Rural tras comprobar que se trata dunha explotación sostible no marco das obrigas da Rede Natura 2000.

Neste ámbito normativo, a superficie do monte, cuxa cuberta vexetal está dominada por matogueiras e pasteiros, presenta unha clara vocación para o seu aproveitamento gandeiro en réxime extensivo, uso que debera potenciarse, de acordo coa Instrución Técnica do Servizo de Conservación da Natureza, que se aplica na actualidade. Esta Instrución recolle os “Tratamentos de matogueiras en Rede Natura 2000 con fins agropecuarios, cinexéticos, de prevención de incendios e para plantacións forestais”.

Sobre esa base, o aproveitamento gandeiro é compatible coa conservación dos hábitats, mediante unha adecuada carga gandeira e unha rotación razoable dos desbroces, que asemade supoñan unha rendibilidade económica. En consecuencia, esta explotación do monte Forgoselo é unha ferramenta de xestión activa, que presenta vantaxes, xa que é economicamente autosuficiente, fixa poboación rural, prevé a aparición de incendios forestais e reduce a súa gravidade.

Con respecto aos aproveitamentos forestais, incluídos os micolóxicos, son viables sempre que non se estendan as superficies arboradas dentro do LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) a costa de superficie cuberta por hábitats de interese comunitario.

Vacún de calidade
O principal aproveitamento do Monte Forgoselo está representado por unha explotación gandeira extensiva ao que se suma o forestal, con 200 ha de masas arboradas. O aproveitamento de leñas, a recollida de esquilmes, setas, a caza ou o ocio e recreo son actividades complementarias. Na actualidade, a explotación gandeira conta con 1.408 ha de terreos, unhas 350 cabezas de gando vacún e unhas 400 de gando equino.

A explotación do monte baséase fundamentalmente na produción de carne de vacún de calidade, isto implica, que a maior parte dos ingresos e gastos corresponden a esta explotación. Os ingresos xerados ata o momento pola explotación forestal son escasos e puntuais.

No capítulo de axudas, os pagos xestionados pola Consellería do Medio Rural a través do FOGGA (Fondo Galego de Garantía Agraria) ao colectivo veciñal, na campaña 2010, superan os 98.000 euros, repartidos en diferentes conceptos, entre os que se atopan a prima de vacas nutrices (anticipo e saldo); a prima de sacrificio de vacún; o réxime de pago único por explotación (anticipo e saldo); o pago adicional de vacún de calidade; o Contrato de Explotación Sustentable (CES) de Utilización de recursos forraxeiros e o de Control integrado, entre outros.

Obxectivos
Entre os obxectivos que marca a Asociación para a explotación silvopastoral, figura potenciar os usos do monte e a multifuncionalidade; a través dunha xestión sostible, mellorar a explotación gandeira aumentando a produción e a calidade da carne; facer unha xestión ordenada da superficie forestal; potenciar o uso social e recreativo e estudar a posibilidade de implantar outros usos (produción de setas, froitos silvestres…), sempre tendo en conta a conservación e protección do medio natural.

Entre os proxectos de futuro a AVMF ten previsto, no eido da ordenación gandeira, a mellora e construción de infraestruturas para aumentar a eficacia e a eficiencia no manexo do gando. Asemade, estase a estudar a posibilidade, baixo un selo de denominación ou diferenciación, de xestionar todo o proceso de comercialización da carne, desde o matadoiro ata o punto de venda do consumidor. No que se refire á ordenación forestal, para este outono está planificado rexenerar 25 hectáreas con masa de P.pinaster e nas zonas próximas aos humidais masa mixta de frondosas, tal e como indica o seu Plan de Xestión.

Sociedade