O Consorcio de Santiago destinará 300.000 euros á restauración dos sete retablos da Capela Xeral de Ánimas

O Consorcio de Santiago destinará 300.000 euros á restauración dos sete retablos da Capela Xeral de Ánimas

25 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O Consorcio de Santiago destinará 300.000 euros á restauración dos sete retablos da Capela Xeral de Ánimas, na Rúa das Casas Reais, nos que aínda non se interveu e cos que se completará a rehabilitación destas obras, que son nove en total.

A responsable do proxecto, Ángeles Fernández Santiago, destacou hoxe o valor do conxunto, xa que son "retablos únicos en Galicia" tanto polo seu tamaño, coma polo material que se empregou para a súa elaboración, que "non é habitual" na comunidade e, polo tanto, a penas existía literatura respecto ao proceso a seguir. Fernández Santiago, destacou que se fixo un "bo estudio previo" en que se determinou que os retablos de parede norte eran os que estaban en peores condicións --pola presenza de humidade--, fronte aos do lado oposto, que son os mellor conservados. Os retablos, realizados entre 1804 e 1814, son obra de Manuel de Prado e seguen un estilo procedente do mundo clásico. Un deles, o da 'caída' --o máis degradado-- , xa está completamente restaurado e un segundo retablo está a punto de finalizar o proceso. Agora licitarase a restauración dos sete restantes, que podería durar un ano máis. A responsable da restauración subliñou que o obxectivo é conservar "o máximo de material orixinal e que a súa conservación se prolongue no tempo o máximo posible". Para iso procederán a facer unha limpeza das pezas, para posteriormente eliminar repíntelos --foron pintadas ata dez veces-- e devolverlles o aspecto e a cor, utilizando unha técnica que permita recoñecer no futuro cál é a parte orixinal e cál a que corresponde ao restaurador.

Sociedade