O cribado á veciñanza de Fene comezará o luns

O cribado á veciñanza de Fene comezará o luns
04 de Febreiro, 2021 - 07:43 h. | Publicada por Radio Fene

O Sergas fará un cribado para detectar persoas asintomáticas de coronavirus no concello de Fene a partir do luns 8 de febreiro. Tomaranse mostras a unhas 7000 persoas comprendidas en idades de 15 a 65 anos.

Cribado masivo

A Consellería de Sanidade anunciou ao Concello de Fene que realizará un cribado no municipio tal e como llo demandara o alcalde. Juventino Trigo anunciouno á corporación no pleno ordinario celebrado esta mesma tarde. Transmitiulles a información recibida da man do conselleiro de Sanidade que, de momento, non é outra que se fará o cribado á poboación entre 15 e 65 anos e que empezará o luns dia 8 de febreiro. Ao longo dos dias seguintes se recollerán as mostras a uns 7000 veciños e veciñas.

Mañá manterán unha xuntanza representantes municipais e técnicos do Sergas para determinar datas e lugar onde realizar as análises serolóxicas para detectar positivos por coronavirus. A Xunta citará individualmente por teléfono ou SMS aos veciños e veciñas susceptibles de realizar as probas, que son voluntarias. O concello apela á responsabilidade individual para que acudan as persoas citadas e non quede ninguén, entre 15 e 65 anos, sen realizar o test. Engádese que se tomarán probas de cuspe, menos molestas que as nasais e tan efectivas como aquelas. Ao longo da xornada do venres dia 5 informarase en Radio Fene do lugar establecido para tomar as mostras e do dispositivo de tráfico para axilizar o proceso. 

(Imaxe cedida pola Xunta de Galicia)

Debate no pleno municipal

A corporación fenesa continuou o pleno aprobando por unanimidade o rexeitamento das alegacións presentadas pola Unión Sindical Obreira á Relación de postos de traballo municipal. Tamén se aprobou, co voto favorable de toda a corporación, a comparecencia da concelleira nacionalista Angeles Coira no próximo pleno, a petición do PP. En nome do grupo popular, Juan José Franco, reclamou explicacións da concelleira por ocupar un posto de formadora no Plan Reinicia 7 no que toma parte o concello de Fene. A concelleira comparecerá e responderá no pleno de marzo. A sesión plenaria rematou coa presentación de máis de vinte  rogos e preguntas formuladas polo PP. O grupo de goberno respondeu que lle farían chegar as respostas por escrito á portavoz Rocío Bértoa, cousa discutida polos edís populares. Galego esixiu que as respostas se dean no pleno. 

Institucional

Publica o teu comentario agora