O Cultural Maniños á expectativa de comezar a temporada

O Cultural Maniños á expectativa de comezar a temporada
10 de Novembro, 2020 - 12:35 h. | Publicada por Radio Fene

O fútbol afeccionado está a sufrir grandes contratempos pola crise do coronavirus. O Cultural Maniños ascendeu na temporada pasada á 1º galega, pero non ten moi claro que vai pasar neste ano 2020/2021 xa que están totalmente parados. Nin partidos nin adestramentos.

ESCOITA O PODCAST:
Alfredo Fernández en Radio Fene

Alfredo Fernández é directivo deste club e comenta que non teñen expectativas de poder empezar a xogar, pero tampouco a adestrar. Na súa categoría, a diferenza de noutras, non houbo comunicación dende as institucións con directrices que lles dixeran que se podían poñer en marcha.

Ademais non hai un protocolo. A Federación Galega de Fútbol só se pronunciou aos inicios esixindo que se adestrase e xogase con máscaras. Esta proposta non atopou apoio no fútbol, independentemente da categoría. Dende aquela non souberon nada máis.

Dende o 14 de marzo non pisan o campo de fútbol do Pote. As tarefas de mantemento agora quedan nas mans dos directivos. Un a un, porque así o esixe a lei, van facendo amaños nas instalacións para que, cando poidan volver a vestir a camisola branca no campo. As persoas asociadas teñen unha gran relevancia xa que moitos quixeron mostrar o apoio ao club renovando o carné de socio anual e por iso “estamos moi agradecidos” afirma Alfredo.

Como moitos outros clubs solicitaron axudas da Deputación para costear os gastos deste ano. Ao Cultural Maniños concederonlle 3.000 euros que non saben se van cobrar agora, xa que esta situación non xera os gastos suficientes e unicamente poden xustificar o período que vai do 1 de xaneiro ao 14 de marzo de 2020.

Á espera, como todos os demais clubs. A incerteza é o sentimento que predomina actualmente nos equipos de fútbol afeccionado como é o caso do Cultural Maniños.

Deportes

Publica o teu comentario agora