O Curro da Capelada cumpre trinta e cinco anos

O Curro da Capelada cumpre trinta e cinco anos

25 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Asociación de Gandeiros "Rapa das Bestas" de Cedeira ponse de novo esta fin de semana ao fronte dun evento no que se conxuga tradición e espectáculo.  Aínda que a xornada central será a do vindeiro domingo, o Curro da Capelada comeza xa este venres coa procura e captura dos cabalos salvaxes. Unha vez desparasitados, na mañá do domingo serán conducidos ate o recinto onde se desenvolve o espectáculo coa rapa e marcaxe das bestas.

O acoso e encerro, a doma, a separación de potros, a corta de crins ao gando adulto e a marcaxe do novo, as pelexas de garañóns, a feira de gando salvaxe, así como a posterior solta das bestas, son algúns dos atractivos do popular Curro da Capelada  que todos os anos se celebra por estas datas no lugar de Pena Toxosa, en Cedeira.

Segundo explicou a Radiofusión o presidente da Asociación Rapa das Bestas, Xosé Manuel Durán, a festa comezará o domingo ás once da mañá coa baixada e posterior encerro dos animais no recinto habilitado para o curro. Como se ven facendo dende o ano 1975, os “aloitadores” serán os protagonistas dun enfrontamento simbólico entre o home e o animal, inmovilizando aos cabalos salvaxes para proceder á súa marcaxe e á corta de crins.

A partir da unha da tarde, as persoas que o desexen poderán degustar nunha carpa instalada pola organización, racións de poldro estofado, churrasco de porco e polbo. E xa pola tarde, ao redor das catro, comezarán as probas de andadura para trotóns, cabalos cruzados e do país (con premios entre 300 e 50 euros).

Esta nova edición do Curro da Capelada concluirá coa entrega de premios e trofeos a partir das sete do serán.

Sociedade