O curso escolar rematou o 13 de marzo

O curso escolar rematou o 13 de marzo
14 de Abril, 2020 - 11:49 h. | Publicada por Radio Fene

As Anpas galegas e os sindicatos do ensino reclaman á administración que se dea por concluído oficialmente o curso escolar o 13 de marzo de 2020 e que a avalización teña en conta os contidos dados ata esa data.

ESCOITA O PODCAST:

A confederación de Anpas Galegas e os sindicatos do ensino teñen tomada unha decisión, que se dea por rematado o curso escolar oficialmente no día 13 de marzo pasado. O día 12 foi o último día de clases presenciais. “O que houbo despois non son clases homologables” afirma o representante das Anpas galegas, Fernando Lacaci, quen engade que “antes de deixar a ninguén atrás hai que parar formalmente o curso” o que non quere dicir que se siga coa actividade telemática ata xuño.

Fenda dixital

Se algo deixou claro esta crise sanitaria foi a incapacidade tecnolóxica que fallou polo menos no ensino, e a fenda dixital que tamén quedou patente. Moitos fogares non teñen conectividade a internet nin equipos; profesorado e alumnado non souberon como afrontar a falta de experiencia, e a realidade demostrou a incapacidade para seguir con normalidade as clases. Asegura Lacaci en nome das Anpas que “o esforzo e a ilusión son valorables pero non son clases, non substitúen a docencia e as familias tampouco somos docentes”.

Criterios de avaliación

En relación aos criterios de avaliación, as Anpas e os sindicatos do ensino propoñen que se teñan en conta os contidos dados ata o dia 13 de marzo, extrapolándoos ao curso completo. Entenden que, dadas as circunstancias, debería tenderse a unha flexibilidade na promoción de curso para a maioría do alumnado. Afirma Fernando Lacaci que a comunidade escolar falou e que a Administración debera escoitar e aceptar estas propostas. É urxente, afirma o representante das Anpas, adoptar unha solución porque hai que deixar deseñado o próximo curso para que este comece, en canto a contidos, onde quedou o 13 de marzo.

Sociedade

Publica o teu comentario agora