O curso tamén comeza na Biblioteca Pérez Parallé de Fene

O curso tamén comeza na Biblioteca Pérez Parallé de Fene

21 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Cun obradoiro de sombras chinesas arrinca este xoves o novo programa de actividades organizado pola Biblioteca Municipal de Fene. Os nenos e nenas son os principais destinatarios deste ciclo que se prolongará ata finais de ano e que incluirá obradoiros, sesións de contacontos e ata unha exposición.

Segundo a bibliotecaria de Fene, con este programa téntase contentar aos pequenos pero tamén aos pais e nais “aos que temos un pouco esquecidos”. Neste senso, Sonia Iglesias adiantou en Radiofusión que para o mes de novembro se está a organizar un obradoiro para aprender a contar contos. Celebrarase o sábado día 28, baixo a coordenación de Amalia Pérez Otero.

O resto das actividades van dirixidas ao público infantil, comezando polo obradoiro  “Sombras Titiriteiras” que se celebrará mañá, a partir das cinco e media do serán, na biblioteca Pérez Parallé. A monitora Olga Abad ensinará aos nenos e nenas participantes a facer e manexar sombras chinesas. Xa para a vindeira semana, o venres 30, está previsto que se inaugure na Casa da Cultura de Fene a exposición “Biblioteca de libros fántásticos”. A mostra, de Títeres Cachirulo, presenta “50 libros tratados plásticamente para que evoquen as súas propias historias”. Ao redor dela, segundo explicou Sonia Iglesias, celebraranse en novembro tres actividades: o obradoiro de animación "¿Cómo é a túa nai? Chocolateira, pirata..." (o mércores 4), unha sesión de contacontos con Títeres Cachirulo  e un segundo obradoiro para "realizar un libro fantástico entre todos" (o martes 10).

As actividades na Biblioteca de Fene continuarán ata finais de ano. Para apuntarse ou recibir máis información sobre o programa, pódese chamar ao teléfono 981-342302.

Sociedade