O día de Rosalía

O día de Rosalía
24 de Febreiro, 2021 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Rosalía de Castro ten un xardín adicado en Perlío. A parcela entrou dentro dun programa de zonas verdes que deseñou a Corporación de Fene en 1984. Entre maio e xuño daquel ano inauguráronse os xardíns Luís Seoane e Rosalía de Castro en Perlío e Eduardo Blanco Amor en Magalofes. Anteriormente se adecentara o xardín do Monumento ao Camiñante Descoñecido de Barallobre.

Mural de Rosalía de Castro. Colexio O Ramo de Barallobre. 2018

A Corporación de Fene resultou elixida en abril de 1979. Eran as primeiras eleccións democráticas despois da ditadura de Franco. Como alcalde, Xosé María Rivera Arnoso, unha das primeiras entrevistas que tivo que conceder foi a da cooperativa de vivendas de San Valentín que presidía daquela Maximino Souto. Viñan urxir a canalización do río Cádavo ao seu paso por Perlío e a urbanización da rúa do mesmo nome. O Concello asumiu a canalización do canle fluvial. Para a urbanización aplicou unhas contribucións especiais que debeu abonar a cooperativa. A entidade cedeu os terreos posteriores ás vivendas, na parcela onde o Concello habilitou o xardín público Rosalía de Castro.
As 132 vivendas situadas ao pé dese xardín entregáronse no Ameneiral en Perlio aos traballadores de Astano membros da cooperativa o 25 de abril de 1981. A superficie construída superaba os 14.000 metros cadrados o que significaba para cada piso unha superficie útil de 84 metros cadrados. En 1980 a cooperativa xa entregara 162 vivendas en Olmo en Pontedeume e 36 en Limodre.
Rosalía en Cabanas
Tamén en Cabanas inaugurouse en maio de 1985 un parque e un monolito adicado a Rosalía de Castro. Ubicouse ao pé da escola das Viñas, a iniciativa da Asociación Veciñal. O escultor de Magalofes Guillermo Feal foi o autor do monolito. O Dia de Rosalía celébrase o vindeiro mércores 24 de febreiro. Naceu esa mesma data de 1837.

Cultura

Publica o teu comentario agora