O dúo de actores Nucha e Mucha apadriñan o Antroido de Compostela 2011

O dúo de actores Nucha e Mucha apadriñan o Antroido de Compostela 2011

25 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Unha cita indiscutible para todos os composteláns, que ano a ano gaña máis adeptos. Así se presentou a edición deste ano do Antroido de Compostela, que se celebrará entre os días 5 e 9 de marzo e que contará cun programa de actividades con actuacións musicais, obradoiros de maquillaxe, concursos e desfiles.

O Antroido 2011 dará comezo o sábado día 5 con diversos obradoiros na praza do Toural. Nesta edición o pregón, previsto para as 20:00 horas, contará coa parella cómica Nucha e Mucha, as Cantareiras de Ardebullo, , acompañadas pola Ardebullo Bin Ban, unha formación de 11 músicos liderada polo mítico vocalista Sito Sedes. Tralo mesmo, subirase aos balcóns do Pazo de Bendaña o Meco, que nesta edición ten corpo de muller e fai referencia ao Pórtico da Gloria, á crise e ao trofeo do Mundial de Fútbol.

Durante a tarde do domingo, os rapaces poderán gozar dunha festa de disfraces da Sala Capitol, con premios que ascenden a un total de 2.500 euros. Xa o martes celebrarase o gran desfile, que percorrerá o centro da cidade e que contará con premios por un valor total de 13.190 euros entre todas as categorías. Finalmente, o mércores rematará o Antroido coa Queima do Meco, que percorrerá as rúas da zona do Ensanche co acompañamento fúnebre da Banda de Ponteceso, os compoñentes de A Ruliña de Laraño, e a pregaria da Queima do Meco, Peccata Minuta, do  grupo de Teatro Volta e Dálle.

Sociedade